O BNG leva ao Parlamento galego a rehabilitación da casa coruñesa de Rosalía

A deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas rexistrou unha batería de iniciativas -proposición non de lei, interpelación, preguntas escritas e orais- en relación á Casa coruñesa de Rosalía de Castro, a morada na que a grande poeta nacional morou na nosa cidade de 1871 a 1874

No ano en que se fai o 150 aniversario da chegada de Rosalía á Coruña, o BNG leva ao Parlamento unha iniciativa cun propósito claro: que se constitúa, no primeiro semestre de 2022, unha mesa de diálogo con Abanca, actual propietaria da morada rosaliana, con vistas a que se rehabilite o inmóbel da rúa do Príncipe para a súa posterior musealización e abertura ao público.

«Non podemos ficar impasíbeis, argumenta Mercedes Queixas, perante o estado de deterioración que presenta a Casa coruñesa de Rosalía. Recuperala non é só honrar a súa memoria, senón tamén mostrarmos con orgullo que A Coruña é unha cidade plenamente rosaliana, con pegadas de enorme valor na súa obra, desde o poema a sir John Moore até a peza Pra a Hábana, auténtica elexía perante o drama da emigración enmarcada no Parrote».

Sobre esta mesma cuestión, o Pleno do pasado xoves 2 de decembro aprobou unha moción do BNG, defendida por Francisco Jorquera, en que se instaba o Goberno Local a que, en colaboración coa Xunta, a Deputación, a Fundación Rosalía de Castro e a Real Academia Galega, promovese a rehabilitación da Casa coruñesa de Rosalía.

A iniciativa de Jorquera perseguía tamén que o Goberno Local abrise conversas con Abanca para conseguir a cesión da titularidade do inmóbel.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.