O BNG propón no Parlamento que a Xunta dote a Alu Ibérica dun plan industrial coa participación das administracións centrais e galega

A situación da planta coruñesa de Alu Ibérica é moi delicada após o administrador xudicial ter solicitado na Audiencia o preconcurso de acredores, ben como a autorización para negociar un ERTE para todo o cadro de persoal
Tan delicada é que no horizonte estaría o fechamento definitivo da fábrica e, por tanto, a perda de 300 empregos industriais na comarca da Coruña.
Así as cousas, o BNG vai defender este xoves no Parlamento galego (Comisión de Industria, a partir das 16 horas) unha proposición non de lei visando que a Xunta promova un plan industrial que garanta a continuidade da factoría e, por tanto, que impida que un novo fechamento veña agravar a desindustrialización que sofren a nosa cidade e comarca.
Un plan industrial en que, no mínimo de xeito temporal, deberían participar a administración central e a galega “mentres o proxecto gaña estabilidade”, defenden as parlamentares autoras desta iniciativa, Mercedes Queixas, Ramón Fernández Mon e Daniel Pérez López.
Para ir avante, a Xunta tería de procurar “socios industriais solventes e competitivos” e tería de contar “cun provedor de enerxía que garanta un prezo competitivo e estábel”.
Alu Ibérica non chega á situación na que está por casualidade. A xuízo do BNG, chega por unha mestura de “comportamento empresarial delituoso” e por “unha tolerancia gobernativa imposíbel de xustificar”.
Tolerancia gobernativa do Executivo central, mais tamén dun goberno galego que “parece asistir na distancia como simple observador, botando balóns fóra e renunciando a exercer as súas competencias (exclusivas en política industrial), no que representa unha dimisión de feito das súas responsabilidades de goberno”, afirman os parlamentares do BNG.