O galego: prácticamente desaparecido na música que se escoita na adolescencia

Unha enquisa realizada a máis de 1.000 escolares de Galicia revela a práctica desaparición do idioma galego entre os seus hábitos de consumo musicais. Un 80% confesa que nunca -ou case nunca- escoita música en galego. Máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego

O proxecto socio-educativo “Ao Son da Nosa Música”, realizou un traballo de investigación nos meses de outubro e novembro en 20 centros educativos galegos das catro provincias. Contou coa participación de alumnado desde 5º de primaria ata 2º de Bacharelato e foron pesquisados os seus hábitos musicais tanto dentro como fóra do centro escolar. A enquisa puxo especial fincapé na presenza da lingua galega na música que escoitan, poñéndose en evidencia unha dramática e alarmante realidade.

É rechamante a presenza maioritaria do castelán como lingua vehicular no ensino musical, tanto dentro dos centros educativos como nos diferentes ámbitos de formación. O cuestionario revela ausencia da música en galego nas propias aulas de música cun 50% que resposta escoitala poucas veces e un 27% nunca. En canto ás actividades musicais preferidas no ámbito do ensino atópanse a escoita musical e a práctica instrumental nos primeiros lugares, seguidas do canto e a danza.

Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas máis coñecidas pola rapazada. En canto aos estilos: o Pop, o Reggaetón e o Rap son os xéneros preferidos adolescente cun 64%, 53% e 44% respectivamente.

En relación aos hábitos de consumo de música, un 62% nunca mercou música. Entre o 38% que si o fixo un 45% investiu en música en castelán, un 35% música en inglés e tan só un 17% asegura que mercou música en galego. En canto aos medios dixitais que se empregan para escoitar música YouTube destácase como o máis empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e a radio cun 35%. Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguida de preto do grupo de amizades.

No mes de xaneiro, este proxecto socio-educativo presentará os resultados definitivos da investigación e partillará as propostas de mellora que considera oportunas para reverter esta situación conxuntamente coas outras cinco secuencias didácticas.

Obxectivos

1. Coñecer os hábitos musicais das persoas pertencentes a cada unha das comunidades enquisadas.

2. Sinalar a presenza da música nos diferentes espazos educativos formais e informais.

3. Describir os hábitos de consumo musical fóra do centro escolar.

4. Coñecer o valor que se lle concede á música en galego dentro das comunidades enquisadas.

5. Analizar as propostas de mellora da presenza da música no ámbito educativo.

Campo

A enquisa desenvolveuse de xeito telemático durante o mes de outubro-novembro de 2021 en vinte centros, de cada unha das catro provincias galegas combinando CEIP, CPI e IES.

O número total de alumnado participante supera os 1.000.

Análise de validez

A enquisa fíxose a través duns cuestionarios con preguntas fechadas e cun tempo de realización entre os 5 e os 10 minutos. Ao mesmo tempo procurouse que a extensión das propias preguntas fora a menor posible e contasen cunha redacción clara e comprensible.

Comezamos realizando unha serie de preguntas de identificación para dar paso a investigar sobre os coñecementos musicais, os hábitos de consumo musical, a relación coa lingua galega, o acceso á música actual, as súas preferencias, o ámbito social e tamén a súa valoración da asignatura de música.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.