O Museo de Lugo acolle a mostra “Somos 113+”, de Evelin Ruiz Crego, que visibiliza a diversidade cultural

A exposición, con retratos de persoas de distintas procedencias, poderá verse ata finais de xaneiro

Onte inaugurouse no Museo de Lugo a exposición “Somos 113 +”, resultado do proxecto artístico sobre diversidade cultural realizado pola fotógrafa e deseñadora Evelin Ruiz Crego.

O título fai alusión ás máis de 113 nacionalidades presentes no padrón de habitantes do Concello de Lugo, segundo datos de 2019, os últimos dispoñibles no momento en que, a comezos de 2020, a Rede Museística e a Asociación Rioplatenses de Lugo puxeron en marcha o proxecto, co obxectivo de visibilizar os valores da convivencia entre persoas de distintas procedencias e acervos culturais.

A través da redes sociais, abriuse unha convocatoria que permitiu poñer cara ás persoas migrantes residentes en Lugo e abrir canles de diálogo que deron como resultado a mostra exposta, con máis de setenta retratos de mulleres nacidas en  Andorra, Alxeria, Arxentina, Austria, Bielorrusia, Bolivia, Brasil, Bulgaria, Chile, China, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, Exipto, O Salvador, Eslovaquia, Estados Unidos, Galicia, Honduras, India, Irlanda, Italia, Xapón, Marrocos, México, Mongolia, Nicaragua, Nixeria, Panamá, Perú, Portugal, Porto Rico, Reino Unido,República Dominicana, Romanía, Rusia, Sahara Occidental. Suiza, África do Sur, Ucraína, Uruguai, Venezuela.

A súa orixe reflíctese nas fotografías a través de distintos recursos artísticos que remiten as, linguas, crenzas relixiosas, costumes, gastronomía ou símbolos que identifican os distintos territorios.

“Somos 113 +” poderá verse no Museo de Lugo ata finais de xaneiro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *