O Nadal coruñés chegará a todos os barrios con máis dun centenar de eventos

Este venres arranca a programación do PRESCO con actuacións infantís, concertos, teatro e danza en diversas localizacións da cidade

O Concello da Coruña amplía a súa programación do Nadal grazas a incorporar as actuacións incluídas no programa PRESCO que foron anunciadas no Pleno ordinario deste mes de decembro e outros eventos de distintas áreas municipais. En total, haberá 111 actos entre este 10 de decembro e o 7 de xaneiro.

Esta ampla programación expandirase por todos os barrios da cidade, en diferentes lugares e horarios. O obxectivo é que a axenda cultural e de ocio do Nadal chegue a todas as zonas da Coruña e, deste modo, dinamice a súa hostalería e o seu comercio de barrio. Máis da metade dos eventos programados forman parte do programa PRESCO (Plan de reactivación económica e social do Concello da Coruña), unha das grandes apostas do Goberno de Inés Rey para lles axudar aos diferentes sectores tras a pandemia.

A programación conta con destacados/as artistas locais e unha gran variedade de temáticas. Haberá espectáculos de humor, concertos, danza e actividades para as e os máis pequenos. Estes actos completaranse coas actuacións xa anunciadas en teatros e recintos municipais, ademais das actividades en zonas comerciais e centros cívicos.

A programación diaria do Nadal poderase consultar nas redes sociais oficiais do Concello da Coruña.

Este venres, ademais, a alcaldesa Inés Rey inaugura a nova edición do Belén Municipal do Concello, que estará aberto á cidadanía ata o día 6 de xaneiro. Neste Nadal, o protagonismo recae na figura da enfermeira galega Isabel Zendal, homenaxeada no Belén e que tamén simboliza o recoñecemento da cidade ao persoal profesional sanitario.

O salón de exposicións de María Pita abrirá as súas portas para a exposición do Belén en horario de 11.00 a 14.00 horas, e de 17.00 a 21.00 horas, con excepcións dos días 24, 25 e 31 de decembro, así como os días 1, 5 e 6 de xaneiro.

Por outra banda, a alcaldesa, Inés Rey, confirmou este venres que a cabalgata de Reis comezará este ano no barrio dos Mallos e percorrerá diferentes zonas da cidade. Rey sinalou que o próximo 5 de xaneiro volverá a celebrarse unha cabalgata tradicional tras ter que adaptar este 2021 o formato ás restricións e á situación sanitaria.

Poboado de Nadal en María Pita

Estes días ultímanse os traballos de instalación do poboado de Nadal da praza de María Pita. A forte treboada dos últimos días atrasou estes labores. Con todo, desde este sábado 11 de decembro estará Papá Noel xunto aos seus elfos nunha das casetas. Pódese consultar o horario na programación completa do concello. Ademais, desde este venres 10 de decembro xa é posible reservar prazas para os obradoiros que comezarán no poboado o próximo 17 de decembro.

Estes obradoiros culturais están destinados a nenas e nenos de curta idade e terán unha duración de dúas horas. Un dos obxectivos deste programa é a dinamización do comercio local, xa que os pais, nais e familias das/os participantes poderán facer as súas compras de Nadal durante ese tempo.

O horario destas actividades é: 17 decembro, de 17.00 a 21.00 horas; 18 e 19 decembro, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas; 22, 23, 24, 26, 27, 28, 29, 30, 31 decembro e 2 xaneiro, das 12.00 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 21.00 horas; e 25 decembro e 1 de xaneiro, de 17.00 a 21.00 horas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.