O proxecto didáctico “Un mar de ilusións” achega o mundo do mar ao sector da diversidade funcional

O GALP Golfo Ártabro Sur editou un vídeo e un caderno de actividades en linguaxe adaptado coa colaboración con Aspanaes, Autismo Galicia e o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia

Esta tarde, o GALP Golfo Ártabro Sur presentou o seu novo proxecto “Un mar de ilusións – Coñecendo os fondos mariños” a través do que quere dar a coñecer as especies mariñas máis representativas ao sector da diversidade funcional. O evento, que tivo lugar no Centro Tecnolóxico de Arteixo, estivo presidido por Patricia Amado, vicepresidenta do GALP Golfo Ártabro Sur e presentado por Amparo Dopico, do equipo técnico do grupo, e arroupado por representantes da Asociación para a Integración de la discapacidad en A Coruña (AIND), Centro Ocupacional Pascual Veiga, Aspanaes (Asociación de Padres de Personas con Trastorno del Espectro Autista de la provincia de A Coruña), Down Coruña, Aspace, FADENGA ou Autismo Galicia.

O evento, que coincide na semana que se celebra o Día Internacional das Persoas con Discapacidade (venres 3), foi aproveitado para entregar os premios do concurso de postais de Nadal 2020, adiado debido á pandemia, e anunciar o deste ano. Como elemento especial, o alumnado deberá incluír nas súas creacións algún elementos do mundo do mar facilitado polo GALP Golfo Ártabro Sur. O prazo estará aberto desde hoxe ata o mércores 15 a través do Facebook e do Instagram da entidade.

Material didáctico adaptado

O material didáctico do proxecto inclusivo “Un mar de ilusións” está composto por un vídeo e un caderno de actividades de apoio. Para a súa produción e deseño, o GALP Golfo Ártabro Sur contou coa inestimable colaboración de Aspanaes, de Autismo Galicia e do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Dunha forma sinxela e divertida, con ambos dáse a coñecer e achégase o mar ás persoas con diversidade funcional; ensínaselles a importancia e a riqueza dos nosos mares e océanos, das especies mariñas e as características de cada unha delas ou a viaxe que realizan desde o mar ata os mercados e de aí, ás nosas casas. Outro dos obxectivos do proxecto “Un mar de ilusións” é potenciar o consumo de peixe e a súa importancia na nosa saúde, así como concienciar a necesidade de ter os mares limpos.

Durante a súa intervención, Patricia Amado recordou que “Un mar de ilusións” nace da profunda preocupación do GALP Golfo Ártabro Sur por achegarse a todas as persoas e colectivos. “Desde a entidade estamos traballando no ámbito da diversidade funcional desde hai anos para poder difundir a beleza e a riqueza dos nosos mares, así como a importancia que teñen no día a día do noso territorio* e na idiosincrasia das súas xentes”, recordou. Precisamente, a mediados de outubro pasado a entidade organizou unha actividade con Aspronaga, Aspanaes e Aspace para divulgar a riqueza ornitolóxica e mariña da ría do Burgo.

Entrega para uso libre nos centros

A todas as entidades asistentes entregóuselle unha copia do proxecto para que poidan traballar con el nos seus centros. As que non puideron asistir, ou calquera persoa interesada, pode solicitar o envío escribindo ao correo electrónico.

*O ámbito de actuación do GALP Golfo Ártabro Sur comprende uns 80 quilómetros de costa entre Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña e Arteixo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.