Outro Campionato de España para a SD Compostela, con medalla de prata incluída

Amador Pena conseguiu a segunda praza na proba de 3.000 metros de Pista Cuberta disputada en Ourense

Éxito rotundo novamente para o noso humilde club nesta pasada fin de semana. Se hai sete días os atletas da SD Compostela participaban no Campionato Nacional Absoluto de Clubs, esta finde os Máster xogaron na casa, no Campionato de España de Pista Cuberta disputado en Ourense.

Nesta competición, as marcas de admisión eran especialmente esixentes, pero nada menos que cinco dos nosos atletas acadaron a posibilidade de estar aceptados para competir, aínda que coa baixa de última hora dun dos velocistas, Damián Espasandín, tan só acudiron catro en representación da entidade branquiazul.

O venres, Amador Pena lograba o gran éxito da fin de semana, logo de acabar a medalla de prata nos 3.000 metros, grazas a un sensacional final de carreira.

Pola súa banda, o sábado, Emilio García, nos 60 metros, foi oitavo, mellorando a súa marca, e descualificado, por unha mala saída, nos 400 lisos; Santi Dapena, tamén nos 60 metros, repetiu a oitava posición, moi preto do seu mellor rexistro; Amador Pena, na final dos 800 metros, sería quinto; e Jose Sanda, na mesma carreira de 800, acadaría no oitavo posto.

Por último, o domingo Santi Dapena acadaría a oitava praza nos 200 metros m35; Emilio García, a cuarta tamén nos 200 m45; e Amador Pena tamén foi cuarto nos 1.500 m40, a escasas décimas da medalla nunha carreira apaixonante.

E o peche de ouro da xornada foi cunha magnífica segunda posición no relevo 4 x 200. A pesar de correr cunha importante molestia o noso primeiro relevista Santi Dapena, que non puido saír de tacos, e con Amador recuperando dos 1500 de minutos antes, a SD Compostela acadou unha marca de 1’49”.

A maiores da proba da cidade das Burgas, o sábado pola mañá, Amador Pena estivo acompañando aos cativos do club, algúns deles debutantes, na proba do Xogade.

Participaron nas distintas probas de velocidade e fondo, dende os 50 ata os 500 metros Lucía Taboada, Oliver Torres, Mateo Álvarez, Abel Canal, Iara Torres e Paula Fernández.

Tamén na xornada do sábado, varios atletas participaron na carreira de 5k de O Pino. Alí, Yago Iglesias, obtivo a segunda praza absoluta detrás do Sub18 Vítor Ramos, que foi o gañador absoluto. A maiores, Borja Cardesín sería 14º; Pedro Pazos, 37º; Juan Amigo, 40º; Jorge Castro, 53º; Juan Alvarellos, 58º; e Nuria Mejuto, 78º.

A maiores, o domingo, a SD Compostela estivo nos 5k Leyma da Coruña, onde Ainoa Gontán rematou como a terceira muller absoluta. Mentres tanto, Gonzalo Cao acabou 48º e Eduardo Abalde 77º.

E por último, para completar esta fin de semana intensa, houbo unha vez máis representación lonxe da terriña, noutro campionato Nacional, concretamente, no Cross Longo de Portugal, no que o atleta Nuno Costa foi décimo cuarto da xeral dunha carreira que comandou durante gran parte e que rematou con final moi apertado, obtendo ademais a segunda praza na Categoría Máster.

De cara a vindeira fin semana, varios atletas da SD Compostela estarán en Boiro e algún atrevido participará na Maratón de Valencia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.