Paloma Castro. “O PSdeG é da militancia e non dun mini sindicato de alcaldes”

“Cómpre entender a mensaxe da militancia da provincia de Pontevedra que apoiou cunha maioría clara do 62% a Gonzalo Caballero”
A parlamentaria socialista e vicevoceira Paloma Castro, membro da dirección en funcións do PSdeG, sinalou hoxe aos cargos públicos do partido en Pontevedra que cómpre “entender a mensaxe da militancia”, que votou “moi maioritariamente” a Gonzalo Caballero nesa provincia nas últimas primarias.
“A militancia socialista da provincia de Pontevedra apoiou a Gonzalo Caballero con claridade, gañando co 62% dos votos”, recalcou a deputada pontevedresa, quen chamou a “remar entre todos e todas para seguir construíndo un partido forte nesta provincia”.
Sobre todo, afondou, “sabendo que con Gonzalo Caballero os resultados electorais do PSdeG en toda Galicia e, nomeadamente, na provincia sempre creceron”. “Con Gonzalo Caballero, o PSdeG avanzou substancialmente en todas as eleccións que houbo nestes últimos catro anos na provincia de Pontevedra, foron catro anos dourados en clave provincial”, incidiu.
Por iso, recalcou Castro, o proxecto encabezado por Gonzalo Caballero obtivo o respaldo maioritario das bases do partido na provincia de Pontevedra, cun 62% dos votos: “porque permitiu crecer moito ao PSdeG pontevedrés despois de etapas electorais máis complexas, acadando un importante vento a favor nas municipais que favoreceu os resultados nos concellos pontevedreses e das alcaldías”.
Así as cousas, referiu que “o PSdeG non é un mini sindicato de alcaldes”, senón que é “a militancia a que decide”. “A militancia pontevedresa apoiou cunha maioría clara do 62% a Gonzalo Caballero e agora hai movementos dos que perderon na provincia para buscar postos na executiva galega”, engadiu a vicevoceira socialista.
De feito, concluíu, detrás dese grupo de alcaldes “non se perfila proxecto político”, senón que máis ben parece derivarse de “intereses concretos nos procesos orgánicos”.
Por último, Paloma Castro chamou tamén a Formoso a “cumprir co seu compromiso e promesa de integración” de cara ao Congreso Galego: “a día de hoxe, non hai contactos, nin diálogo, nin acordos, nin integración”.