Podemos Galicia pide á Xunta un reforzo “urxente” da atención primaria e do sistema de rastrexo

Gómez Reino: «A poboación cumpriu os confinamentos e as medidas ditadas polo Goberno, pero a responsabilidade non só se lle pode esixir ás galegas, senón sobre todo ao presidente da Xunta de Galicia»

Podemos Galicia pediu este mércores á Xunta de Galicia un reforzo «urxente» da atención primaria e do sistema de rastrexo ante a escalada dos contaxios por covid-19 e da demanda de probas por parte da poboación.

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, sostivo que «a mellor medida é o reforzo da atención primaria e do sistema de rastrexo. A poboación cumpriu os confinamentos e as medidas ditadas polo Goberno, pero a responsabilidade non só se lle pode esixir ás galegas, senón sobre todo ao presidente da Xunta de Galicia», declarou Gómez Reino.

«A dous días de Noiteboa, o Sergas está a denegar permisos ás enfermeiras porque non hai persoal dispoñible e a carga de traballo está a aumentar pola incidencia da sexta onda. Non entendemos que ten que pasar xa para que Feijóo se tome en serio a sanidade pública e os dereitos das traballadoras», engadiu o secretario xeral.

A formación fixo alusión á tardanza na comunicación dos positivos por coronavirus, como denunciaron nos últimos días varias usuarias do Sergas e tamén sobre as deficiencias no sistema de rastrexo, «como vén ocorrendo desde o comezo da pandemia», alegou Gómez Reino. «O mellor agasallo de Nadal é que Feijóo escoite ás sanitarias e blinde a sanidade pública, porque son as que seguirán salvando vidas durante toda a pandemia».

«Non entendemos que a única proposta de Feijóo para a conferencia de presidentes sexa a do uso obrigatorio das máscaras nos exteriores, unha solución non aconsellada polos expertos, cando non pon os recursos necesarios na sanidade pública e no sistema de rastrexo. As súas únicas respostas son botarlle a culpa ao Goberno do Estado e pasarlle a responsabilidade as persoas cando a Xunta de Galcia ten todas as competencias», apostillou o secretario xeral.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.