Ponteareas completou as clasificacións xerais da Copa Galicia de Ciclocrós 2021

Sául López (Academia Postal-Abanca) venceu na carreira raíña masculina do Ciclocross Borja Gómez Méndez e Samuel González (Máis Que Bicis) adxudicouse o ranking Elite. Dobre éxito de Isabel Castro (Condado Bike).

Cunha estrea, a quinta da temporada, a Copa Galicia de Ciclocros 2021 baixou o pano do seu calendario en Ponteareas despois de catorce xornadas. A primeira edición do Ciclocross Borja Gómez Méndez completou as clasificacións xerais do certame autonómico e os puntos que se repartiron este domingo despexaron as incógnitas que quedaban por resolver. Dúas delas afectaban ao máis alto dos rankings elites, finalmente liderados pola gañadora desta xornada Isabel Castro (Condado Bike) e por Samuel González (Máis Que Bicis), segundo no circuíto das Cachadas por detrás de Saúl López (Academia Postal-Abanca).

Correndo na súa localidade, Isabel Castro acadou unha vitoria con dobre valor na carreira elite-sub23 e júnior. A ciclista do Condado Bike, cun tempo de 45 minutos 48 segundos, impúxose por 11″ de vantaxe á júnior Sofía Álvarez e por 28″ á sub23 Andrea García (Academia Postal-Abanca). O triunfo da ponteareá outorgoulle o título na xeral elite da Copa Galicia.

As diferenzas tamén foron escasas na proba elite-sub23 masculina. Saúl López e Samuel González protagonizaron un cara a cara que se decantou por 15″ a prol do monfortino do Maceda. O elite do Academia Postal-Abanca obtivo a súa segunda vitoria absoluta da temporada cun rexistro de 58:39 nun circuíto entretido, revirado e esixente, mentres que a segunda praza do vigués do Máis Que Bicis serviulle para conquistar o ranking elite da Copa igualado a puntos con Rubén Deaño (Ourense Termal). A terceira posición en Ponteareas correspondeu ao elite Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño), que bateu ao esprint ao vencedor sub23 Anxo Carril (Coruxo).

A nómina de gañadoras e gañadores do I Ciclocrós Borja Gómez Méndez compuxérona nove ciclistas máis: Lorena Patiño (Compostelano) e Manuel Alonso (Os Esfola Arrós) en cadetes; Ricardo Buba (Coruxo) nos juniors); Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) e Roberto Rodríguez (Bicicletas Chinquena) -levándose o esprint pola vitoria que disputou con Miguel Porto (Ponteareas)- en máster-30; Rocío Blanco (A Forna) e Xacob Agra (Ponteareas) en máster-40; Óscar González Bastos (Máis Que Bicis) nos máster-50; e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60.

Os premios desta xornada, na que a tradicional néboa da vila do Tea deu paso a un día solleiro, entregáronos a alcaldesa Cristina Fernández Davila; o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzón; o presidente do Club Ciclista Ponteareas, Manuel Gregores; o padriño deste evento Borja Gómez Méndez; e o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz.

Coroación en Maceda

Unha vez disputadas as catorce probas da Copa só resta a coroación final das líderes e dos líderes das súas clasificacións. Esta cerimonia terá lugar o domingo en Maceda, coincidindo coa celebración nesta localidade ourensá do Campionato de Galicia, última cita da temporada autonómica de ciclocrós.

Os resultados da última xornada unicamente provocaron variacións nas táboas elites. O resto dos rankings tiveron como vencedoras e vencedores a María Filgueiras (Río Miera) e Tomás Pombo (Cambre-Caeiro) en cadetes; a Laura Mira (Supermercados Froiz) e Ricardo Buba; a Carla Fernández (Team Farto-BTC) e Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) en sub23 e nas táboas absolutas; a Eva Ortega e Jonathan Sousa (In Situ); a Rocío Blanco e Andrés Calvete (Monte Xalo); a Sonia Costoya (Corbelo) e Antonio Sousa en máster-50; e a Antonio González (Salvaterra) nos máster-60.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.