Presentadas as actividades de animación á lectura e contacontos para a ponte de decembro en Lugo

O ciclo consta de 5 actividades para nenos e nenas, que terán lugar entre o 4 e o 8 de decembro no MIHL

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. «Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero», explicou Maite Ferreiro.

«Do mesmo xeito que na última edición, realizaremos as actividades nas instalacións do MIHL, para continuar a promocionar esta instalación e a súa singularidade», explicou a edil de Cultura, que engadiu «para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es«. As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.

O ciclo conta cun total de cinco actividades, que se realizarán durante a ponte de decembro, entre o sábado 4 e o mércores 8. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

Programación ciclo de animación á lectura

Sábado, 4 de decembro ás 18:30 horas

MIGALLAS TEATRO

«Os tres porquiños/ Migallas Teatro»

Idades: de 1 a 3 anos

Duración: 30 minutos

Sesión de contos a partir dun dos clásicos da literatura infantil, a través de títeres, teatro e cancións, para introducir os máis cativos e cativas no marabilloso mundo dos contos.

Domingo, 5 de decembro ás 18:30 horas

CEO ABERTO

«Atrapados con Harry Potter»

Idades: a partir de 7 anos

Duración: 45  minutos.

Scape Room baseado na novela «Harry Potter e o cáliz de lume». Actividade na que as nenas e nenos participantes terán que resolver unha serie de enigmas para axudar a Harry a fuxir do espazo no que está atrapado.

Luns, 6 de decembro ás 18:30 horas

TARABELOS

«Debulendo lendas…galegas»

Idades: a partir de 5 anos

Duración: 55 minutos.

Sesión de narración oral ilustrada que utiliza de base a técnica xaponesa «Kamishibai» e  na que se decubrirán moitas lendas que falan de xacias e sereas, de piratas ou das aventuras dos pobos celtas que ocupaban os nosos territorios.

Martes, 7 de decembro ás 18:30 horas

XAROPE TULÚ

«Rilla Rilla»

Idades: a partir de 6 anos

Duración: 50 minutos

Espectáculo-concurso sobre a língua galega que tenta pór de manifesto a variedade dialectal do noso idioma. Se non oístes falar do cinefere, se non sabedes o que é un día de garabullos ou se nunca se posou en vós unha lagáchima, non volo perdades!

Mércores, 8 de decembro ás 18:30 horas

OS CONTOS DE PABLÍSIMO

«O arquivo do chibo»

Idades: a partir de 4 anos

Duración: 40 minutos.

Fabulación libre arredor do conto clásico dos 7 cabuxos e o lobo. Un teatriño con múltiples xanelas que serven de viñetas para contar, a xeito de banda deseñada, este clásico actualizado, empregando monicreques, xoguetes, sombras… e moita cachifallada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.