Rego reclama ao Goberno actuar para evitar a redución dos horarios de caixa nas entidades financeiras

Néstor Rego denuncia a limitación dos dereitos das persoas usuarias e a concertación ilegal de horarios por parte das entidades asociadas a AEB e a CECA

O deputado do BNG no Congreso, rexistra iniciativas para denunciar a redución de horarios de atención ao público en diferentes entidades financeiras. Rego reclama ao Goberno do Estado que tome medidas para solucionar o que pode supor unha violación da normativa sobre a liberdade de competencia e que as persoas usuarias recuperen o dereito a ter uns horarios de atención adecuados para acceder a servizos financeiros básicos.

Nos meses anteriores á declaración das restricións para a loita contra a pandemia, varias entidades financeiras, asociadas de AEB (Asociación Española de Banca) e CECA (Confederación Española de Caixas e Aforros), comunicaron o fechamento dos servizos de caixa das oficinas a partir das 11 da mañá. O servizo, até ese momento, prestábase até as dúas ou dúas e cuarto, dependendo da entidade.

Con esta decisión, motivada por criterios de rendibilidade económica, as entidades están prexudicando de maneira importante os usuarios e usuarias. “A redución de horarios afecta especialmente a aqueles colectivos vulnerábeis que, pola súa idade ou pola súa dificultade de acceso ás novas tecnoloxías, dependen da atención presencial personalizada”, sinala Néstor Rego.

O deputado nacionalista salienta que non existen motivacións de tipo laboral que impliquen unha necesidade de axustar o horario e “tampouco pode alegarse como xustificación unha redución da demanda deste tipo de servizos; de facto agora é habitual ver filas de persoas na rúa diante das entidades bancarias esperando para seren atendidas”.

Rego subliña que o feito de que diferentes entidades financeira, de maneira paralela e coincidente no tempo, estabelecesen unha redución dos horarios de caixa, indica que se trata dunha acción concertada, o que claramente é ilegal e debe ser investigado polas autoridades competentes, particularmente a Comisión nacional do Mercado e da Competencia (CNMC). “Unha práctica claramente abusiva frente aos dereitos das persoas usuarias, que pode supor unha violación da normativa sobre a liberdade de competencia e que debe ser rectificada” afirma Rego.

Ademais, o deputado do BNG denuncia que nin sequera as entidades cumpriron coas obrigas legais canto á modificación das condicións de prestación do servizo. “Trátase dun servizo bancario básico, polo que as entidades financeiras teñen a obriga de comunicar con carácter individual e con dous meses de antelación a restrición do servizo, mais procederon a reducir os horarios sen realizar dita comunicación”.

O BNG reclama ao Goberno impulsar as modificacións normativas e lexislativas precisas para garantir o acceso en condicións adecuadas aos servizos bancarios por parte de toda a poboación, algo que na actualidade se está a ver dificultado pola restrición da atención presencial e polo fechamento de oficinas, especialmente no ámbito rural.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.