Rematadas as obras de mellora da seguridade do Camiño Norte en Ribadeo

Forman parte das 70 actuacións programadas en Galicia en puntos de confluencia entre as rutas xacobeas e as vías autonómicas, cun investimento total de 1,4 millóns de euros

A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de mellora da seguridade do Camiño Norte no cruce coa estrada LU-133 (Reme-Vilamar) en Ribadeo, no punto quilométrico 13,6. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, que contaron cun orzamento de 22.000 euros.

Neste punto construíuse unha pasarela de madeira de 2 metros de ancho que discorre paralela á estrada nun tramo en curva. Ademais, instaláronse novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a desenvolver un plan de mellora da seguridade das rutas xacobeas nas zonas de confluencia coas estradas autonómicas; destina en conxunto un investimento de 1,4 millóns de euros para executar 70 actuacións, 36 delas na provincia de Lugo. En concreto, neste Camiño Norte fixa intervencións nas  estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.

Arias afirmou que “o Goberno galego traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.