“Satisfacción absoluta” de Abel Caballero polo compromiso de Goberno co Ave a Vigo por Cercedo

O alcade de Vigo mantivo un encontro este venres con Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, quen garantiu o proxecto do AVE directo a Vigo por Cerdedo: “non máis dúbidas”

Tras a reunión celebrada no Concello, o rexedor trasladou a súa “satisfacción absoluta” polo compromiso transmitido pola secretaria de Estado garantindo “a magnífica marcha do tren de alta velocidade de Vigo” así como a Saída Sur de Vigo.

Isabel Pardo de Vera reafirmou o “compromiso do Goberno con Vigo desde o punto de vista da solvencia técnica rigorosa” e lamentou que se estean vertendo dúbidas ao respecto “cando os galegos temos motivo de alegría e perspectiva dun futuro mellor coa chegada do AVE a Galicia”.

“Non máis dúbidas, por favor, nun momento para celebrar, que non se contaminen actuacións terminadas con actuacións en marcha, que non haxa ningunha dúbida sobre isto”, sentenciou Pardo de Vera, engadindo que a Estratexia Indicativa de Adif é un marco ao que obriga a Unión Europea e o feito de que a variante por Cerdedo non se recolla “non ten que ver co compromiso con esta infraestrutura. A estratexia vaise modificando a medida que os proxectos maduran e que as tramitacións medioambientais confirman a viabilidade”.

Ao respecto da viabilidade, lembrou a secretaria de Estado, que “está confirmada porque o estudo hidroxeolóxico marca que a variante de Cerdedo é o mellor trazado e non ten que haber complicacións coas medidas compensatorias que se determinarán para a súa execución”. Por iso lamentou que sigamos con “esas sombras escuras que buscan motivos para sacarnos orgullo aos galegos e isto non contribúe, non serve para construír e liderar o noso mellor futuro” apelando á necesidade de buscar o consenso e “non contaminar á cidadanía á que nos debemos”.

A secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana afirmou que “Vigo é un polo estratéxico, non soamente galego”, cun peso no PIB “importantísimo”, o que resulta clave no deseño das comunicacións. Lembrou Pardo de Vera que o proxecto estaba soterrado no Ministerio pero, coa chegada do Goberno de Pedro Sánchez “encargamos un estudo hidroxeolóxico de moitísimo peso, que está en fase de medida de aforos ata 2022, e é o único que lle falta ao estudo informativo para o Ministerio de Transición Ecolóxica”.

A secretaria de Estado explicou que o proxecto do AVE Vigo-Madrid directo por Cerdedo “segue coas bases de solvencia e cimentos da demanda do potencial que ten Vigo e a súa área de influencia e non sei por que se cuestiona nun momento de alegría para os galegos no que traemos o tren de alta velocidade a Galicia”. Referiuse tamén á Saída Sur de Vigo como unha das actuacións “de calado” que faltan en Vigo e que “soamente se desbloquearon neste momento”, logo de decidir a entrada en tuneladora xunto ao alcalde de Vigo. Así mesmo, citou as tres accións desbloqueadas polo Ministerio para Vigo: o AVE, a Saída Sur e a estación Vialia.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.