Un broche de Copa para as ‘Guerreiras Laranxas’

O Pescados Rubén Burela FS porá o broche a un 2021 ateigado de éxitos deportivos con desafío de Copa Galicia. As Guerreiras Laranxas desprázanse hoxe á pista do Ourense Envialia (Os Remedios, 20.30 horas) para disputar o encontro de ida das semifinais da 15ª edición irmandiña; as da Mariña gañaron o billete tras impoñerse a Viaxes Amarelle (0-6) e as ourensás fixeron o propio ante Mosteiro Bembrive (2-4)
Tras o triunfo na liga 3-2 en Vista Alegre (xornada 3), o Pescados Rubén Burela FS volverá verse as caras cun rival que conseguiu encadear unha excelente traxectoria. Dende a súa visita á Mariña as ourensás conseguiron os 18 puntos cos que ocupan a 8ª praza, nunha racha que só puido truncar o Futsi (8-4, xornada 9).
Os protagonistas da outra semifinal, Cidade das Burgas e Poio Pescamar, medirán as súas forzas no mesmo escenario, tamén mañá, as 18.00 horas.
Con esta cita, as pupilas de Lucas recibirán o ansiado e merecido descanso de Nadal, tras a esixencia dun mes que abriron conquistando o título europeo na Futsal Women’s European Champions de Lugo con 6-0 ante o Pescara italiano. Volverán ao traballo o luns 3 para preparar a segunda eliminatoria de Copa da Raíña, o sábado 8 na pista de Universidad de Alicante.