Unanimidade na proposta do BNG para urxir á Xunta e Goberno central a intervir publicamente Alu Ibérica

Mon Fernández pediu a Feijóo “que goberne e exerza as súas competencias para elaborar un Plan industrial que garanta o futuro da planta de aluminio na Coruña”

O deputado do BNG, Mon Fernández reclamou ao goberno galego e ao presidente Feijóo que gobernen e exerzan  as súas competencias e se poñan “á fronte” para elaborar  un Plan Industrial para a fábrica da Coruña,  que garanta a permanencia da actividade industrial e  emprego. Ademais urxiu á Xunta e ao goberno central  a intervir publicamente a fábrica, aínda que sexa de maneira temporal, para garantir o seu futuro.

A proposta do BNG acadou a unanimidade da comisión de Industria celebrada no Parlamento galego.

Na defensa da proposición non de lei, Mon Fernandez afirmou que a empresa está en  tempo de desconto e coa  declaración de concurso de acredores sobre a mesa polo que o goberno de Feijóo debe facer a  contra-reloxo todo o  que non quixo facer durante estes últimos anos, e que resultaron un verdadeiro “calvario” para o persoal da fábrica de aluminio da Coruña.

“Asuman que xa non valen escusas. Que teñen que actuar coordinadamente para presentar a tempo un plan industrial solvente”. Asuman o novo escenario: concurso de acredores en marcha, e risco real e inminente de ir á liquidación, e polo tanto á perda dunha actividade e dun emprego estratéxicos para a comarca da Coruña e para Galicia.

Dende o BNG non imos  consentir que o goberno central pretenda desentenderse de esta crise industrial, porque son evidentes as súas responsabilidades en todo o proceso da saída de Alcoa da Coruña, e a súa responsabilidade tamén en todos os feitos que se viñeron sucedendo posteriormente. “Este desastre é a súa responsabilidade”, recalcou o deputado nacionalista.

Sen embargo, dixo, unha  responsabilidade do goberno central, non xustifica que o goberno galego actúe como se a crise de ALU IBERICA non fose da súa incumbencia. “Esta actitude, escapista, tampouco se lle pode consentir a ningún goberno”.

A xuízo do deputado do BNG, a administración debe  tomar o control da fábrica para impulsar e consolidar o proxecto mentres non apareza un comprador que presente as debidas garantías e para poñer unha solución e freo a estafa dos prezos eléctricos, “hoxe en máximos históricos”.

Desde o BNG, explicou,  levamos moitos anos denunciando que o sistema de prezos do mercado eléctrico poñía en risco a industria deste país. Por certo un sistema de prezos, lembrámoslles, que se instaurou durante os gobernos de M.Rajoy, e o ministro Soria concretamente. E desde o BNG, tamén  levamos anos, facendo propostas encamiñadas para  garantir prezos eléctricos competitivos para a industria galega, como  “unha Tarifa eléctrica galega, ou unha empresa pública de enerxía” pero as nosas propostas, criticou, sempre foron rexeitadas polo PSOE no goberno central e polo Partido Popular en Galicia sen aportar unha reforma do sistema, ou un estatuto para a industria electro intensiva que poña fin ao que xa todo o mundo cualifica de “estafa eléctrica”.

Para o deputado, resulta “inexcusable”  que un  goberno non “rescate”  empresas en crise, sobre todo no caso de industrias estratéxicas para a economía e o emprego do país, como é este caso.

Os gobernos, dixo, deben garantir prezos eléctricos competitivos, tanto para o consumidor doméstico, como para  as PEMEs e  a industria electro-intensiva.

Pensar na riqueza que Galicia deixa ir literalmente, polo río abaixo, causa “absoluta indignación”. Indignación con un goberno que “veta unha e outra vez” a posibilidade de constituír unha empresa pública de enerxía. Que veta a posibilidade de poñer esta riqueza ao servizo do país, para salvagardar os intereses das grandes eléctricas, “caiga quien caiga” .E ao mesmo tempo, constatar que empresas como ALCOA instalándose en Noruega, por exemplo, grazas non ao petróleo nin ao gas, senón á súa xeración hidráulica ao  igual que as  fábricas que abandonou ALCOA na UE e foron rescatadas polo goberno  con  plans industriais como a empresa pública de enerxía italiana, ENEL.

“A comarca da Coruña e Galicia non poden asumir a perda de máis tecido industrial e moito menos da produción de aluminio, estratéxica para moitas actividades industriais e da construción”, de aí, afirmou a necesidade de que o  goberno galego, Feijóo e o goberno central interveñan publicamente a fábrica e poñan en marcha un plan industrial que garanta a súa viabilidade e mantemento dos postos de traballo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.