Vía Galega lanza o himno das seleccións galegas “para apelar os nosos sinais de identidade colectivos” (Vídeo)

A Plataforma Vía Galega presentou o himno “Galiza, un Pobo, unha selección” que conta con 28 persoas que puxeron a súa voz e música, de maneira desinteresada, “para reivindicar o dereito a contarmos coas nosas seleccións nacionais en todas as disciplinas deportivas e a participar en competicións sen limitacións baixo a nosa bandeira”, explicou Anxo Louzao

Na rolda de prensa de presentación deste himno estiveron Bieito Lobariñas, membro do grupo Zurrumalla e autor da música e letra do himno deportivo “Galiza, un Pobo, unha selección”; Tamara Martínez, membro do grupo Os Residuos Atractivas e autora dos arranxos das voces; Cosme Pombo, membro do grupo musical Airiños do Fiouco; e Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega.

Esta iniciativa de Vía Galega vén a sumarse a toda unha batería de actos, exposicións e difusión de publicacións que se están desenvolvendo por toda Galiza enmarcadas na campaña “Galiza, un pobo, unha selección”, que está a ter unha grande acollida e interese.

“Trátase dun himno deportivo para reivindicármonos como nación  e identificarnos cos nosos símbolos e cánticos”, sinalou Anxo Louzao. “Esiximos da Xunta que procure os medios para formar seleccións nacionais en todos os deportes porque lle corresponde e é a súa obriga pórse ao fronte para acadar as plenas competencias para competir oficialmente e internacionalmente”, engadiu.

Así, lánzase esta composición que condensa e sintetiza os obxectivos  e reivindicacións desta campaña, “con enerxía, contundencia e emoción”. “Un canto para fortalecérmonos como nación que apela os nosos sinais de identidade colectivos e incentiva a nosa autoestima”, indicou, “só nos queda pedir que se difunda por toda Galiza e pase a ser un cántico que resoe  en todos estadios, canchas e eventos deportivos”.

Pola súa parte, Bieito Lobariñas destacou a coordinación e implicación para agrupar voces e músicas de 28 artistas que prestaron o seu apoio incondicional a este proxecto, co traballo de arranxos de Nacho Álvarez e de Tamara Martínez.

“Primeiramente fíxose a letra da canción sobre as ideas-base do que se pretende, seguindo o esquema da copla tradicional galega e, a continuación, gravouse a melodía básica a ritmo de alborada”, explicou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.