100 nenas e nenos coñecerán de cerca a vida das focas do Aquarium a través do programa ‘Aventura coas focas’

As localidades ofertadas en decembro para estudar e alimentar a estes mamíferos mariños esgotáronse para todas as sesións

O Aquarium Finisterrae abre a reserva de entradas para as sesións do mes de febreiro da actividade ‘Aventura coas focas’. Trátase dun taller de divulgación científica no que as persoas participantes visitarán a cociña do Aquarium, participarán na preparación dos alimentos e accederán ás plataformas exteriores onde se alimenta e revisa o estado destes mamíferos mariños.

A actividade está dirixida a maiores de 7 anos, que deberán acreditar a súa idade con DNI ou fotografía do libro de familia onde figure o nome e a data de nacemento. Os nenos e nenas deberán ir acompañados durante toda a actividade por unha persoa adulta que se fará cargo dun máximo de dous menores. Esta actividade, na que tamén poden inscribirse adultos, non ten custo engadido ao prezo que cada visitante deba abonar para entrar no recinto, pero require a reserva de entradas para todas as persoas participantes.

O luns 31 de xaneiro abrirase a reserva para as 8 sesións do mes de febreiro, que pode realizarse a través da billeteira dixital do Concello. Polas características da actividade, ofértanse só 12 prazas en cada sesión. Esta iniciativa acadou un gran éxito de participantes e de satisfacción dos asistentes durante a anterior convocatoria, anunciada no mes de decembro. Todas as sesións estiveron completas e houbo unha gran demanda para que a actividade continuase, polo que desde o Concello apóstase pola súa continuidade e pola saída á venda de todas as localidades do mes de febreiro, o que facilitará que os interesados podan conseguir praza nalgunha das oito sesións.

A actividade ‘Aventura coas focas’ comeza cunha charla do persoal técnico do Aquarium ás persoas participantes na que se lles contan todos os detalles relacionados coa alimentación e os coidados destes mamíferos, así como outros aspectos específicos da súa bioloxía. O persoal de mantemento biolóxico prepara para cada foca unha ración equilibrada baseada en arenques, xardas e capeláns. As e os técnicos revisan a diario os seus ollos, dentes, aletas e abdome.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.