30 artistas de Galicia e Portugal expoñen as súas obras sobre o Camiño Portugués no edificio Sarmiento de Pontevedra

A exposición ‘O Camiño e as Artes’, comisariada por Tino Lores, ábrese este venres ás 19 horas no edificio Sarmiento de Pontevedra e estará a disposición do público ata o 21 de marzo

‘Camiños. O Camiño e as Artes’ é a nova proposta expositiva que, comisariada por Tino Lores, o Museo abrirá ao público este venres. Trátase dunha mostra colectiva e multidisciplinar que reúne as manifestacións culturais do Camiño Portugués a Santiago a través das obras de máis de trinta artistas e persoas creadoras de Galicia e Portugal.

Trátase da décimoprimeira edición da iniciativa, só anulada pola pandemia en 2021, que se caracteriza por unha concepción “ampla e participativa da cultura, na que as xentes do  Camiño poidan realizar e participar en manifestación culturais como axentes activos, contando con artistas profesionais e afeccionados abarcando labores de distintos ámbitos creativos que se realizan ao pé do Camiño Portugués”.

Nesta ocasión haberá obras de representantes da pintura luso-galaica como Agustín Pousseu, Álex Vázquez, Amelia Palacios, Ana Corzo, Antón Sobral, Carmen Hermo, Eduardo Dios, José María Barreiro, Kuqui Pazos, Luz Lafuente, Mario Rocha, Puri del Palacio, Xaime Falcón, Gerhard Mader, ou Rafael Úbeda, pintor e músico. Tamén haberá unha parte de escultura a cargo de Enrique Velasco Viéitez, Francisco Pazos, Paulo Neves, e Suso Balado; outro apartado de artesanía no que haberá pezas anónimas de Barcelos (Portugal), creacións da zoqueira Elena Ferro ou do artesá Joaquim Esteves.

A creación musical terá o seu apartado con iniciativas da cantante Begoña Lorenzo, o luthier César Loureiro Sobral, o músico Edelmiro Luis Mateo García, a vocalista Noelia Solleiro, e tamén da danza a través de Glau Fonseca. A escrita será outra das artes incluídas na mostra, a cargo da escritora e docente Carmen Quinteiro, a poeta e artista Minerva e o escritor Xaime Toxo. Seguirá outro apartado visual cos fotógrafos Aquilino Valiño, Enrique Ruis, e Xulio Gil, acompañados polo tamén fotógrafo e blogueiro Xoán Arco da Vella.

A exposición está comisariada por Celestino Lores, responsable da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, entidade que dende a súa creación en 1993 pretende traballar en pro da revitalización impulsión e recuperación e promoción dos Camiños Portugueses a Santiago. Dende 2010 a asociación leva a cabo a exposición internacional ‘Camiños’ co obxecto de espallar os distintos aspectos paisaxísticos, culturais, turísticos e gastronómicos por diferentes lugares de Galicia e Portugal no Camiño Portugués a Santiago.

A inauguración da mostra, que estará aberta no Edificio Sarmiento aproveitando a conmemoración do Ano Santo 21-22, será este venres día 21 de xaneiro e manterase a disposición do público ata o 21 de marzo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.