A Coruña promove o uso do Estadio de Riazor como sede de grandes eventos musicais

A cidade acollerá 16 grandes concertos e a celebración de oito festivais durante o ano 2022. C. Tangana, Serrat, Alejandro Sanz e Dani Martín actuarán na Coruña

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe en FITUR as capacidades e infraestruturas da cidade da Coruña para acoller grandes eventos musicais, amosando o Estadio de Riazor como un gran recinto que pode reunir a máis de 30.000 espectadores. Inés Rey destacou a vocación da cidade de se afianzar no circuíto de grandes concertos internacionais e confirmou a presenza neste ano na Coruña de artistas como Van Morrison, Il Divo, Camilo ou Alejandro Fernández.

Ademais destas citas, a alcaldesa destacou que terán lugar na cidade catro festivais musicais (Resis: V Festival de Música Contemporánea, Festival Noroeste Estrella Galicia, Modulartec e Fanzine Fest) que consolidarán A Coruña como a cidade do noroeste de España con maior número de eventos destas características e a única que conta cun festival gratuito do nivel do Noroeste. Esta oferta musical compleméntase coas dúas citas máis relevantes que se celebran en Galicia no ámbito do orgullo LGTBI, Corufest e Atlantic Pride, e cos festivais de cine S8, o festival Intersección de arte audiovisual e a celebración por primeira vez dunha edición especial do Resurrection Fest coa participación das bandas máis potentes do metal.

Grandes concertos nacionais

Para Inés Rey, a oferta cultural da cidade neste 2022 pon de manifesto a vontade da Coruña de apostar por situarse como un destino de referencia a nivel europeo, e destacou a celebración de 16 grandes concertos de artistas nacionais xa confirmados na cidade: Nacho Vegas, Ismael Serrano e C. Tangana actuarán en febreiro, Fito&Fitipaldis e Quique González farano en marzo, en abril está confirmada a presenza de Leiva e de Coque Malla, en xuño actuará Alejandro Sanz, en xullo Joan Manuel Serrat, en setembro Malú, en outubro Melendi e en novembro será o turno de Dani Martín.

A alcaldesa, que presentou o avance da programación cultural e turística da cidade para 2022, subliñou que A Coruña ten confirmados neste momento máis de 60 eventos que poñen de manifesto o pulso da cidade para atraer e consolidar citas culturais, artísticas e sociais de referencia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.