A distancia de seguridade e o uso de máscara serán obrigatorios en todo momento durante a Cabalgata de Reis da Coruña

Inés Rey: “Pouco a pouco, esta celebración volve a ser a de hai un par de anos, mais aínda seguen sendo unhas festas nas que o máis importante, por riba de todo, é a saúde”

A alcaldesa, Inés Rey, apelou hoxe ao sentido común e a responsabilidade da cidadanía para que as coruñesas e coruñeses poidan gozar da Cabalgata de Reis deste mércores, 5 de xaneiro, con normalidade e cumprindo en todo momento as recomendacións sanitarias emitidas polas autoridades no contexto desta sexta vaga de Covid-19.

Durante a cabalgata, que sairá desde o aparcadoiro da Sardiñeira, no barrio dos Mallos, ás 18.00 horas, e chegará á praza de María Pita ás 20.30 horas tras un percorrido de dúas horas e media de duración, será imprescindible o uso de máscara, obrigatoria en todo momento para os asistentes, así como o mantemento da distancia de seguridade. Para reforzar o dispositivo de medidas de prevención, as instrucións sanitarias comunicaranse, periodicamente, por megafonía.

Neste sentido, a alcaldesa instou a seguir as indicacións do persoal da organización da Cabalgata de Reis en todo momento. “Pouco a pouco, esta celebración volve a ser a de hai un par de anos, pero aínda seguen sendo unhas festas nas que o máis importante, por riba de todo, é a saúde”, expresou Inés Rey.

Haberá, en total, catro espazos de accesibilidade postos á disposición da cidadanía, repartidos entre a praza de María Pita, ao lado da Autoridade Portuaria (rúa Ambrosio Feijóo), a praza de Ourense e na avenida Alcalde Pérez Ardá, fronte a estación de autobuses. En todos eles, ademais, estableceranse puntos de atención sanitaria ante posibles incidencias. Tamén haberá, a maiores, dous espazos de baixa incidencia acústica, repartidos entre a rolda de Outeiro e ante o Teatro Colón.

Por outra banda, o acceso á praza de María Pita, ao remate do traxecto, terá capacidade limitada e haberá preferencia para as nais e pais dos nenos participantes no desfile, que contará con 180 figurantes.

Alteracións do tráfico durante a xornada da Cabalgata

Polo paso das carrozas, trens e compañías artísticas que integran a Cabalgata de Reis, o Concello da Coruña prevé diversas alteracións do tráfico nas rúas adscritas ao percorrido deste ano, alteracións que comezarán ás 17.45 horas por tramos e que, de forma dinámica, irán recuperando a normalidade a medida que avance a cabalgata rumbo a María Pita.

No primeiro tramo, na avenida da Sardiñeira, cortarase o paso ao tráfico de vehículos motorizados en ámbalas dúas marxes, desde o paso de peóns do edificio Aliko ata o final da rúa, no colexio José Cornide; tamén no segundo tramo, pola marxe dereita en dirección á praza de San Cristovo, ata a parada de autobús que hai fronte ao edificio de Correos.

Xa na rúa Alcalde Pérez Ardá, na marxe dereita, haberá cortes de tráfico desde a rolda de Outeiro ata o edificio de El Corte Inglés, no sentido de avenida de Monelos – Ramón y Cajal.

A continuación, xa en Ramón y Cajal, haberá alteracións do tráfico no tramo comprendido entre a rúa Alcalde Marchesi e a avenida do Exército, na marxe dereita no sentido que vai do edificio de El Corte Inglés ata a Casa do Mar. Tamén na avenida do Exército, está previsto o corte de tráfico no lateral do edificio da Audiencia Provincial.

Ademais, haberá alteracións do tráfico na avenida Primo de Rivera, desde o viaduto ata o enlace co carril bici pola vía en dirección á saída da cidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.