A película gañadora do Oso de Ouro na 70ª edición da Berlinale chega ao Fórum Metropolitano

De xoves a sábado, as salas Marilyn Monroe e Fernando Rey acollen proxeccións das longametraxes Sheytan Vojud Nadarad (A vida dos outros) e Güeros, filmes orixinarios de Irán e México

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), dará continuidade esta semana aos ciclos de cine en versión orixinal que se levan a cabo nas salas Marilyn Monroe e Fernando Rey do Fórum Metropolitano.

Entre o xoves 27 e o sábado 29, proxectaranse as longametraxes Sheytan Vojud Nadarad (A vida dos outros. 2020), dirixida polo cineasta Mohammad Rasoulof, e Güeros (2014), de Alonso Ruizpalacios. Os filmes son orixinarios de Irán e México, respectivamente. A primeira das dúas cintas proxectarase en versión orixinal subtitulada ao castelán, mentres que Güeros chega ao Fórum en versión orixinal.

As sesións de Sheytan Vojud Nadarad (A vida dos outros) están programadas para o xoves, venres e sábado, ás 20.00 horas, na sala Marilyn Monroe. Por outra banda, as proxeccións de Güeros serán tamén o xoves e venres, no mesmo horario, as 20.00 horas, e o sábado (17.30 e 20.00 horas).

A compra de entradas xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na Praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas. O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas. Ademais, as sesións do espectador, programadas para os sábados ás 17.30 horas, teñen un prezo único de 1,50 euros.

As historias da vida cotiá no Irán actual

Sheytan Vojud Nadarad (A vida dos outros) foi a gañadora do Oso de Ouro na 70ª edición da Berlinale, celebrada no ano 2020. Leva o selo do coñecido director iraní Mohammad Rasoulof, pendente de sentenza por amosar no seu cine a dura realidade de Irán baixo o seu actual réxime de goberno. Rasoulof presenta catro historias da vida cotiá no seu país, onde a pena de morte non só afecta aos condenados, senón tamén á vida dos demais.

Güeros: unha viaxe á madurez en Cidade de México

Güeros narra o encontro entre Sombra e o seu irmán menor, Tomás, quen o visita en Cidade de México tras varias desventuras na casa da súa nai. A chegada de Tomás marca un punto de inflexión no día a día de Sombra e o seu amigo Santos. Todos eles comezan entón unha viaxe para atopar a un músico de rock que escoitaban sendo uns nenos, músico que desapareceu sen deixar rastro. Esa viaxe, chea de nostalxia, suporá un cambio na súa forma de afrontar a vida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.