A veciñanza de Abegondo rexeita a construción da subestación eléctrica

O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia a fragmentación fraudulenta de macroparques eólicos na comarca das Mariñas e reclama a denegación da autorización para os PE Nordés e Mistral

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita o Concello de Abegondo para manter unha reunión coa veciñanza afectada polo proxecto de construción dunha subestación eléctrica e dar a coñecer as iniciativas rexistradas na cámara baixa reclamando ao Ministerio de Transición que denegue a autorización por non ter sido completado o expediente preceptivo previo.  A formación nacionalista tamén demanda rexeitar o Estudo de Impacto Ambiental por incompleto e a solicitude de Autorización Administrativa Previa dos parques eólicos Mistral e Nordés e das súas infraestruturas de evacuación.

Rego estivo acompañado pola responsábel comarcal do BNG, Cristina López, a voceira municipal de Coirós, Pura Ferreño; a portavoz en Oza-Cesuras, Estefanía Busto; e o cabeza en Irixoa, Sergio Boado. Durante a visita mantivo un encontro coas veciñas e veciños afectadas pola construción da subestación eléctrica e coñeceu de primeira man a situación que propoñen para o proxecto.

Durante a xuntanza, o deputado do BNG puxo en coñecemento das e dos asistentes as diferentes iniciativas rexistradas no Congreso nas que se reclama ao executivo estatal denegar o permiso para a construción da subestación que se pretende instalar na localidade de Abegondo, así como rexeitar a tramitación dos Parques Eólicos Mistral e Nordés.

O proxecto dunha futura subestación eléctrica en Abegondo foi feito público en 2019 e sometido a consulta nas diferentes Administracións Públicas afectadas e para as persoas afectadas mais o proceso quedou paralizado neste punto. «Así, chama a atención que se inclúa esta subestación no proxecto para a evacuación dos parques eólicos cando, debido á paralización do procedemento, descoñécese o seu emprazamento definitivo, a súa viabilidade e executividade. É máis, estábanse barallando tres posíbeis puntos para a instalación, pero a promotora escolle agora unha das tres propostas alternativas reflectidas no documento inicial que fora presentado por REE pero cuxos trámites non chegaron nunca a rematarse» resalta o deputado Néstor Rego.

En opinión do deputado nacionalista, Néstor Rego, «debe anularse a tramitación e a súa aprobación porque non se cumpre con elementos esenciais do procedemento como é o respecto ao principio de publicidade sobre o emprazamento definitivo da subestación» explica o deputado nacionalista facendo alusión a paralización da tramitación desde 2017.

O estudo de impacto ambiental presentado para os parques eólicos non contempla aspectos esenciais. Así, por exemplo, non recolle no proxecto a preexistencia a efectos ambientais e de afección da Liña Aérea de Alta Tensión que conecta a central térmica das Pontes coa estación Mesón do Vento, en Ordes. De facto, a liña de evacuación proposta superponse en varios tramos coa xa existente sen que se inclúa solución algunha. En canto ás afeccións medioambientais, o estudo pon de manifesto que a construción destes proxectos «implicará severos efectos no medio ambiente que afectará de maneira específicas á fauna en especies catalogadas como vulnerábeis e ameazadas ou en perigo crítico». Ademais, afectará tamén a máis de 190 especies de vertebrados- tanto peixes, como anfibios, réptiles, mamíferos e numerosas especies de aves.

O deputado lembra que estes proxecto non se atopan recollidos en terreos que o Plan Sectorial Eólico de Galicia permita implantar. De facto, ambos os dous proxectos atópanse fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADEs) «contempladas no plan e non existindo declaración expresa por parte do Consello da Xunta para declarar a súa incidencia territorial coa función vertebradora e estruturante, única posibilidade para instalar un aeroxerador fóra destas áreas».

«Debe destacarse a proximidade  tanto dos  parques  eólicos  como das súas liñas de evacuación a distintos núcleos de poboación e vivendas illadas quedando a menos de 200 metros en moitos casos, co que se estaría incumprindo claramente a normativa relativa ás distancias mínimas a vivendas» afirma Rego. Todos os estudos determinan claramente a incidencia negativa dos parques eólicos sobre a poboación próxima, producíndose contaminación acústica e luminosa. «Representan un grave prexuízo para o benestar e a saúde dos habitantes residentes nas proximidades aos parques e liñas de evacuación, pero tamén para o valor patrimonial dos inmóbeis que habitan e para o desenvolvemento de actividades económicas na súa área de influencia» destaca o deputado nacionalista «dificultando a fixación de poboación e o fomento do emprendemento no medio rural».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.