A Xunta impulsa en Miami a presenza das empresas galegas en Estados Unidos

O director do Igape, Fernando Guldrís, mantén distintos encontros con representantes de institucións e empresas nos que avanza na planificación das seis misións comerciais que se levarán a cabo este ano en EEUU no marco do Plan Foexga e co apoio da Antena do Igape en Miami

A Xunta de Galicia, a través do director do Igape, Fernando Guldrís, está a levar a cabo durante estas xornadas un programa de reunións e visitas a diferentes institucións e empresas da área de Florida na procura de estreitar as relacións comercias e a presenza e implantación de empresas galegas en Estados Unidos.

Neste sentido, e tras participar a finais da semana pasada na Consumer Electronic Show de Las Vegas (CES Las Vegas), Guldrís está a manter estes días diferentes xuntanzas na procura de consolidar e incrementar as exportacións a este mercado.

O director do Igape reuniuse o luns con Alice Ancona, vicepresidenta, e Ivan Barrios, presidente e CEO do World Trade Center de Miami, organismo que fomenta o crecemento empresarial e facilita o comercio internacional no sur de Florida. Esa mesma xornada tamén visitou as instalacións da Greater Miami Chamber of Commerce, que suma empresas e profesionais do sur de Florida e representa a máis de 400.000 traballadores.

Xa na xornada do martes, Guldrís entrevistouse tamén con Francisco Javier Garzón, Consejero Económico da Oficina Comercial de España e con Maria Dreyfus, directora da oficina do Consorcio de Comercio Internacional do Condado de Miami-Dade (ITC), ademais de manter un encontro coa Asociación de Empresarios Galegos en Miami.

Esta rolda de reunións busca sentar as bases e avanzar na planificación das seis misións comerciais que se levarán a cabo este ano en Estados Unidos no marco do Plan Foexga e co apoio da Antena do Igape en Miami. Este Plan, en colaboración coas cámaras de comercio, busca contribuír á adaptación do tecido empresarial á situación do comercio derivada da pandemia, así como ás medidas de protección. A través del, favorécese a participación de empresas en misións comerciais directas, feiras internacionais e eventos promocionais, tanto de modo presencial como virtual.

“Estamos a reforzar as boas relacións comerciais entre Galicia e Estados Unidos explorando novas oportunidades de colaboración e negocio no marco da actual situación económica, marcada pola pandemia da covid-19”, expón o director do Igape, quen lembrou que o país norteamericano segue a ser un dos primeiros destinos das vendas galegas.

Neste sentido, Fernando Guldrís pon en valor o crecemento das exportacións galegas a Estados Unidos, que medraron un 50% nos dez primeiros meses de 2021, ata acadar case os 500 millóns. Un marco que a nova Estratexia de Internacionalización da Xunta aspira a mellorar, multiplicando por tres as vendas neste mercado.

Esta nova Estratexia, activada pola Xunta de Galicia para o período 2021-2025, ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. Sobre estes eixes, a Administración autonómica aspira a incrementar especialmente a presenza galega en países de fóra da Unión Europea.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.