Alexandre Penas: “O aparcadoiro municipal do HULA aforra ás veciñas e veciños máis de 600 mil euros anuais”

Penas anunciou que se están a executar novas actuacións de mantemento da instalación

O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, anunciou que o Goberno de Lugo está a realizar unha nova actuación de mantemento no aparcadoiro municipal do HULA, «unha actuación necesaria que planificamos para realizar en distintas épocas do ano para garantir o bo funcionamento desta instalación».

A concellería de Infraestruturas realiza distintas actuacións de mantemento do aparcadoiro municipal en distintas épocas do ano «sempre tendo en conta a previsión meteorolóxica para garantir a mellor calidade no traballo realizado», explicou Alexandre Penas, que engadiu «os mantementos céntranse na parte frontal do aparcadoiro, a que máis tráfico recibe cada día». O edil de Infraestruturas lembrou que «o aparcadoiro ten unha extensión de 5.020 metros, un total de 360 prazas de estacionamento entre a parte frontal e a traseira».

O concelleiro explicou que «o espazo de aparcamento gratuíto habilitado polo Concello supón un aforro para as veciñas e veciños de máis de 600.000€ anuais, calculando a cantidade de vehículos que esta infraestrutura pode acoller durante cada xornada».

O aparcadoiro municipal do HULA acolle, cada día, 2.520 horas de estacionamento gratuíto, un total de 604.800 horas nos 240 días hábiles do ano, o que supón 604.800€ de aforro, calculando a hora de estacionamento a 1€. Desde o Goberno de Lugo calcúlase o aforro tendo en conta unha ocupación media de 7 horas en cada unha das prazas de estacionamento.

O concelleiro de Infraestruturas destacou que «unha das primeiras actuacións que realizamos coa nosa chegada ao goberno foi a mellora desta infraestrutura, para facilitar que toda a veciñanza poida aparcar de xeito gratuíto preto do hospital». Alexandre Penas destacou, entre as actuacións necesarias, a diferenciación da zona de circulación e estacionamento, ademais da colocación de cartelería informativa e valados para ordenar o estacionamento, evitando que se formen atascos por vehículos mal estacionados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.