Alumnado da Ramón Falcón de Lugo visitou a mostra “Estruturas de Fusión” de Lois Cid, aberta ata o 31 de xaneiro no Pazo de San Marcos

O autor  conversou co estudando sobre o proceso creativo do proxecto, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Estudantes da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo visitou esta mañá a exposición “Estruturas de Fusión” do Lois Cid, que pode verse na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.

Durante a visita, na que participaron o deputado Efrén Castro e o concelleiro de Educación de Lugo, Felipe Rivas, o alumnado compartiu reflexións co autor, que afondou o proceso creativo do proxecto fotográfico, plasmado neste formato expositivo tras gañar o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, convocado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

“Estruturas de Fusión” recolle unha escolma de fotografías realizadas ás aforas de Amberes, en Bélxica, durante a eclosión do coronavirus nun espazo a carón do río monopolizado polos espazos en construción e as demolicións de edificios, que se converteu en lugar de paseo habitual do autor neste tempo de restricións da actividade.

As fotografías rexistran os residuos que quedan despois do levantamento dun edificio, os entullos xerados polo derrube de antigas construcións e as pegadas que xenera o ser humano ao habitar os espazos. O autor aborda o rexistro entendendo estes espazos en construción como un xacemento arqueolóxico, empregando a fotografía en branco e negro. Nunha deriva escultórica, a mostra incorpora tamén  materiais e pequenos obxectos que se atopaban entre os restos das obras.

A exposición, comisariada por Vitor Neves, poderá verse no Pazo de San Marcos ata o vindeiro 31 de xaneiro. De luns a venres, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas; sábado, de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas; e domingo e festivos, de 11.00 a 14.00 horas. Despois, comezará unha itinerancia por cidades galegas e portuguesas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *