Amar a Salvador Sobral. Por @DulceCorcu

Despois da agridoce clasificación das Tanxugueiras para a final eurovisiva, acadada finalmente polo voto do público tras seren eliminadas polo experto xurado -iso nos din- toda a comunidade galega puxo os seus ollos na aparición estelar dun dos recentes gañadores do festival: o portugués Salvador Sobral. Non só pola súa elegante actuación, senón tamén polo seu indisimulado e vehemente apoio a «las gallegas».

Foi unha mágoa que non enfocaran nese momento a faciana dos participantes, de seguro estupefactas ante aquel alarde de descarado favoritismo que moi probablemente tampouco saberían dicir a que responde. Para os que aquela noite vivimos a súa vitoria coma propia, ten toda a explicación do mundo, pois non fomos poucos quenes a través do cancelo #GalizaComPortugal amamos a Salvador Sobral e desfrutamos cos irmáns portugueses desa noite de festa e éxito. Non en van segue a ser o gañador con máis puntos da historia do festival. E a que se debería esa votación en masa por unha canción e figura tan atípicas como a de Sobral? Quizais porque en Eurovisión iso é o que se premia. O estilo propio, non parecerse a ninguén, ese punto de extravagancia imprescindible para que no medio dun evento que dura horas sigas na memoria dos que máis tarde terán que votar. Salvador Sobral cantaba en portugués, unha língua completamente minoritaria entre os países concursantes, pero aínda así soubo transmitir todo o sentir da canción. A súa imaxe desgarbada, tan alto e aparentemente tan desvalido, tan fráxil que só daban gañas de achegarse e darlle esa aperta que parecia pedir a berros. Sobral gañou o festival porque gañou o corazón de todo o mundo. Metíuse dentro e os «deuze points» caeron coma maná do ceo. Interpretando aquela balada de desgarrado desamor tal se fose ese namorado abandoado e só, doente e incomprendido. Iso foi o que víu o espectador e os xurados respectivos esa noite: autenticidade. E xa a ninguén importou a língua, o país ou as alianzas políticas que soen rexir ese festival. Todos namoramos del porque a linguaxe do amor, ben sabemos…É universal. Non require subtítulos nin tradutores para facerse entender.

Foto portada: © Wouter van Vliet, EuroVisionary 

Creative Commons License

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.