Antón Meilán presenta este sábado, na Casa-Museo Manuel María, “Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte”

A publicación insérese dentro das actividades e accións reivindicativas con que que entidades da Terra Chá e concellos limítrofes están a demandar que Caldaloba pase a propiedade pública e se leve a cabo a súa recuperación e posta en valor
Este sábado, 29 de xaneiro, ás 20 horas, a Casa-Museo Manuel María acolle a presentación da publicación Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte, escrita polo profesor emérito da Universidade de Oviedo Antón Meilán.
O “mito” do Mariscal Pardo de Cela (Historia, lendas e literatura) e O último ano do Mariscal Pero Pardo de Cela: o cerco e a traizón da Frouseira son algúns outros dos estudos en que o profesor mindoniense ten afondado nos últimos anos sobre os feitos acontecidos no último período do século XV en relación coa familia de Pardo de Cela e a súa filla Dona Constanza de Castro e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza.
A publicación editada pola Deputación de Lugo insérese dentro das actividades e accións reivindicativas con que entidades da Terra Chá e concellos limítrofes están a demandar que Caldaloba ou Vilaxoán pase a propiedade pública e se leve a cabo a súa recuperación e posta en valor.
Mañá, sábado, tamén se presentará a publicación, ás 17 hrs, na Fortaleza Museo de San Paio de Narla por parte da asociación cultural Carballo Vivo de Friol.