Carmela Silva, presentou en FITUR “Love Rías Baixas”, a historia de amor cunha provincia inabarcable

O palpitante corazón da provincia de Pontevedra conquistou hoxe á Feira Internacional de Turismo, FITUR, con “Love Rías Baixas”, un relato de amor sorprendente, emocional  e vibrante, contado coas vivencias de 9 protagonistas de diferentes países de catro continentes que un día chegaron, namoraron do territorio e decidiron quedarse. O Auditorio de Turespaña quedouse pequeno para coñecer a campaña de promoción turística da Deputación de Pontevedra, que contou coa amadriñamento da Ministra de Turismo, Reyes Maroto, xunto ao Secretario de Estado, Fernando Valdés, amais do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do presidente da Deputación de Lugo, que tamén presentaron as súas campañas neste escenario. Xunto a eles, alcaldes e alcaldesas e representantes do sector turístico da provincia viviron en directo a proposta provincial, que leva dous anos consecutivos gañando o Premio ao Mellor Vídeo Turístico do Mundo, galardóns aos que volve a concorrer este ano.

Coa condución inmellorable da actriz viguesa Jazmín Abuín e retransmitida por streaming, a presentación contou no escenario coa participación do enólogo chileno Diego Riós, representando ás 9 persoas protagonistas do audiovisual. O vídeo, producido pola empresa Esmerarte, mostra todo o potencial natural, cultural, paisaxístico da provincia integrado nun emocionante relato nas voces e nas historias de Kevin Weatherill, líder da banda británica Inmaculate Fools, e Virginia Gil (Aranda de Duero), representante do grupo; Juan Carlos Perret, cociñeiro peruano; Daniela Savic, ex-xogadora e adestradora de balonmán eslovena; Violeta Mi Tan, enxeñeira téxtil chinesa; Mari Hashimoto, profesora xaponesa; Saliou Ndongo, profesor de artes marciais senegalés; Kate Singer, estudante de logopedia natural de Chicago (EE UU); e o propio Diego Riós. No audiovisual, os e as protagonistas destacan, rodeados de extraordinarias paisaxes naturais da costa e o interior, por que quedaron impresionados e decidiron radicarse nas Rías Baixas. A beleza, a historia, as lendas, o rural, a gastronomía, o mar, a terra, a calidade dos viños, a tranquilidade e o trato coa xente son algúns dos motivos que citan para explicar como un día chegaron a Rías Baixas e declararon o seu amor á provincia quedándose a vivir nela.

A presidenta Carmela Silva debullou algúns deses motivos “deste namoramento colectivo coa provincia. Temos infinidade de razóns para que a xente que nos visita non queira marchar: gastronomía, paisaxe, rural, vilas mariñeiras, patrimonio, marabillosos profesionais do turismo, e a xente,  que te fai sentir en casa”. A presidenta da Deputación explicou que “non hai ningún lugar con tan boa vida como as Rías Baixas” e destacou que son as propias persoas que se asentan na provincia as que o confirman. “Contan historias reais dunha terra marabillosa onde encontrar un lugar ideal para vivir”, resaltou, para apuntar que “non hai nin unha soa frase guionizada no vídeo”.  Carmela Silva convidou a todos e todas a visitar as Rías Baixas uns días, unha ponte, ou mesmo a quedarse”, e amosouse convencida de que “van vivir unha historia de amor con este territorio”. Subliñou que “a beleza das Rías Baixas e as súas xentes, as que naceron aquí e as que viñeron doutros lugares e agora son nosas, fai chorar da emoción”. Ademais mostrou o seu agradecemento á ministra Reyes Maroto por amadriñar a presentación da Deputación no  stand de Turespaña, e fíxoo extensivo ao secretario de Estado de Turismo.

No evento tamén participou o secretario  do Comité de Festivais de Cine Turístico, Hugo Marcos, quen valorou o éxito das anteriores pezas promocionais da Deputación –“Fame de Experiencias” e “Sigue o teu Instinto”-, elixidas como mellores películas turísticas do mundo e cun palmarés de 24 grandes premios internacionais. De feito, Marcos referiuse á calidade dos audiovisuais da Deputación. “Mostran a autenticidade do territorio, reflexan os sabores, o que é a xente, ser galego. En Galicia todo é diferente e nas Rías Baixas percíbense todas esas características”.  Pola súa banda, o enólogo Diego Ríos salientou a calidade dos viños da Denominación de Orixe, dos que destacou que “son sumamente expresivos e complexos, con capacidade para transmitir o lugar onde son producidos, e isto namora todos os corazóns e padais a nivel mundial”.

O acto pechouse coas imaxes do vídeo “O teu Camiño”, tamén da Deputación de Pontevedra, con fermosas imaxes da paisaxe da provincia. A campaña “Love Rías Baixas” será difundida polas consejerías de Turismo de Turespaña no exterior, chegando así a internacionais como  Abu Dhabi, Os Ánxeles, Berlín, Bélxica, Bos Aires, Cantón (China), Chicago, Cidade de México, Copenhague, Dublín, Estocolmo, A Haia, Helsinqui, Lisboa, Miami, Milán, Moscova, Bombai, Múnic, Nova York, Oslo, París, Pequín, Roma, Sao Paulo, Singapur, Tokio, Toronto, Varsovia, Viena, Zúric, Frankfurt e Londres.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.