Castiñeira: “No PP estamos abraiados despois de ver no pleno da Deputación a PSOE e BNG xustificando que o ministro Garzón continúe no Goberno”

O portavoz popular, Javier Castiñeira, destaca que as declaracións do ministro de Consumo coinciden nun momento moi delicado para o sector gandeiro, debido, entre outras causas, ao incremento de custos derivado da disparatada política enerxética do Goberno central

“Socialistas e nacionalistas, por máis previsibles que son as súas reaccións fronte ás propostas populares, teñen demostrada unha inesgotable capacidade para sorprender coas súas xustificacións para dicir non a canta iniciativa presenta a oposición”. Ocorreu de novo no pleno do pasado martes; inexplicablemente, evitaron criticar as declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, nas que puxo en dúbida a calidade da carne producida en España. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “No día de onte vivimos un feito inaudito no pleno da Deputación de Lugo: o PSOE  e o BNG lucenses xustificando ao señor Garzón; si as manifestacións do ministro de Consumo do Goberno presidido por Pedro Sánchez. Garzón, por un lado, leva meses dicindo que se debe comer menos carne, o que prexudica seriamente  ao sector gandeiro lucense; por outra parte, pon en dúbida a calidade da carne española, galega e lucense que se exporta a todo o mundo, co conseguinte prexuízo para o sector”.

Para Castiñeira, “é verdadeiramente vergonzoso que os dous grupos que conforman o goberno provincial non poñan un límite a este ministro, que, hai que repetilo, está prexudicando os intereses dos nosos gandeiros”. Un prexuízo, destaca o portavoz popular, que aínda ten maior incidencia “nun momento, como o actual, no que as políticas do Goberno central, as súas decisións, a súa estratexia enerxética está danando moito os intereses do sector”.

Para os populares, “non se poden xustificar de ningunha maneira esas declaracións do ministro, que danan a imaxe do noso excelente produto e nun momento no que necesitamos aumentar os prezos de venda e para elo é fundamental a imaxe”.

Castiñeira sinala: “O ministro Garzón leva moito tempo facendo declaracións en contra do sector  cárnico español, e polo tanto, do galego. Cremos que o Partido Socialista e o BNG están equivocados neste sentido. Non se pode xustificar que alguén trate de mesturar a carne de excelente calidade de Galicia con outro tipo de produtos. España é un país con moitos controles e a carne pásaos todos. No PP quedamos abraiados por esa xustificación de PSOE e BNG do ministro Garzón, un ministro que vai en contra dos intereses dos gandeiros lucenses”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.