COGAMI coa axuda da Deputación da Coruña continua coa súa aposta polo programa que permitiu a inserción laboral de persoas con discapacidade

A través desta ferramenta tamén se realizaron 2.996 orientacións na provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, reuníronse esta mañá na sede da institución provincial para reforzar a colaboración entre ambas entidades.

González Formoso e Ramón Sestayo analizaron os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL) noutro ano marcado pola pandemia como foi o 2021, un programa que conta co apoio económico da Deputación e para o que o ano pasado se destinaron 45.000 euros, facilitando a inserción laboral de 1.813 persoas con discapacidade en Galicia, 888 delas na provincia da Coruña, e promovendo 6.946 sesións de orientación en Galicia, 2.996 na provincia.

O presidente da Deputación da Coruña destacou a «continua mellora dos datos de inserción laboral que ano tras ano ten o SIL» e salientou que se trata «dunha axuda fundamental para un colectivo que ten especiais dificultades para acceder ao mundo laboral». Ademais, eloxiou o traballo que levan a cabo en COGAMI a través «dun grupo multidisciplinar de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego que permite buscar os perfís profesionais que mellor se adapten ás necesidades das empresas».

O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, agradece o apoio prestado pola Deputación ao servizo de orientación e intermediación laboral e explica que «tendo en conta a dispersión xeográfica, en COGAMI apostamos dende sempre por achegar os nosos servizos ás zonas rurais e seguimos formando ás nosas persoas usuarias no uso e manexo das TIC, para poder minorar a fenda dixital detectada maiormente durante a pandemia». Para rematar, Sestayo engade que «é necesario incrementar apoios ao servizo de orientación e intermediación laboral, dado que as necesidades das persoas usuarias son cada vez maiores».

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.