Comunicado de SOS Sanidade Pública en relación coa manifestación do 20 de xaneiro convocada pola Comisión de Centro Hospitalaria

Canta verdade hai neste lema: «Sen persoal non hai sanidade»!

SOS Sanidade Pública de A Coruña apoia e celebra a realización da manifestación na Coruña do 20 de xaneiro convocada pola Comisión sindical de Centro Hospitalario.

Os anos de recortes na sanidade pública galega, o traspaso de fondos á sanidade privada, a insuficiencia de persoal, a pesar do incremento de actividade, provoca moitos momentos de estrés, de preocupación e de dificultades no día a día da asistencia, da atención persoal.

A atención primaria está saturada a ollos de calquera que mire, a punto de estoupar e con risco de desaparición, non hai máis que mirar ou intentar chamar, pero no hospital, en cada planta, en cada área ou servizo, sófrese silenciosamente o recorte de persoal tamén día a día. Só hai que pensar e situarse no lugar da enfermeira ou auxiliar de clínica de noite soas nunha planta con 25 pacientes, coas súas demandas, coas súas necesidades de atención, coas súas necesidades de coidados.

A todos nos gusta recibir unha atención eficaz pero tamén un trato amable e proporcional ás necesidades do paciente, pero isto é imposible sen persoal.

O persoal está fatigado, sen libranzas, sen cobertura de ausencias, e a resposta da dirección hospitalaria é a de sempre, que non hai persoal. Os mesmos que levan gobernando sen falta desde 2009 son os responsables da actual situación, son os responsables do seu fracaso dado que levan dicindo o mesmo desde hai anos.

Como ben di a Comisión de Centro Hospitalaria hai deficiencia de persoal en todo o hospital, os problemas esténdense a todos os servizos, colapso de novo nas urxencias, os bloques cirúrxicos, as unidades de críticos, laboratorio, farmacia, radioloxía, lavandería, coxiña, plantas de hospitalización…

Queremos unha sanidade pública de calidade agora, a promesa dun novo hospital, que non deixa de ser unha ampliación, e que vai para anos, non nos engana, non nos impide ver a realidade do día a día. A pandemia fainos ver con claridade os problemas da nosa sanidade.

A sanidade pública, a cidadanía da Coruña, necesita cambios na política sanitaria, cambios na xestión actual, máis diálogo e contratación de persoal.

SOS Sanidade Pública celebra e apoia a manifestación do 20 de xaneiro e chama á cidadanía a participar na mesma, porque dese modo estaremos defendendo e mellorando a nosa sanidade pública.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.