CULLEREDO || A Audiencia Provincial confirma o que denuncia o BNG: A traballadora municipal condenada debe ser cesada

Malia a insistencia do BNG, o Goberno Municipal en ningún momento tomou determinación algunha, coa excusa de non ter sido notificados da sentenza e mesmo afirmando non querer facer «xuízos paralelos», cando se trataba de executar unha sentenza que ten carácter público e como tal saíu en distintos medios de comunicación e que está publicada no repositorio do CXPX.
O BNG de Culleredo exixe coñecer en que informes se baseou o Goberno Municipal para dicir que «por esta corporación non cabe adoptar medida algunha para o efectivo cumprimento da pena de inhabilitación». Ao tempo alerta das consecuencias que poidera ter sobre a validez dos actos nos que participa, a permanencia no cargo de asesora xurídica dunha persoa inhabilitada xudicialmente.
Cabe lembrar que, de acordo coa sentenza, a propia condenada manifestou a necesidade de seleccionar a persoas de confianza para a comisión de valoración do proceso selectivo, e finalmente participaría como secretario o actual xefe do gabinete técnico do Concello de Culleredo, funcionario que fora candidato número 2 na lista do PSOE de Cambre no seu dia.
Esta traballadora agora condenada fora presidenta do comité de empresa pola UGT, sindicato ao que tamén pertence a concelleira de persoal Marta Figueroa; tamén, sindicato asinante da declaración de queixa contra o traballo da oposicion en Culleredo hai poucos meses, pouco antes de que o goberno municipal aprobara unha paga de productividade extraordinaria que levou reparos da interventora e secretaria municipais.
Para o BNG de Culleredo é urxente aclarar as implicacións deste caso, limpando calquera sospeita sobre as actuacións municipais, para que o traballo dunha inmensa maioría de persoas traballadoras municipais non se vexa empañado polas actuacións, de dubidosa ética, duns poucos individuos.