España lidera, xunto á China e o Xapón, o comercio mundial de cefalópodos

O profesor da USC Sebastián Villasante lidera un estudo publicado en Scientific Reports e que describe a rede global de comercio de cefalópodos

O comercio global de cefalópodos constitúe na actualidade unha industria multimillonaria, tras experimentar nos últimos decenios un enorme crecemento: un 416% no volume de descargas dende 1961. Especies como o polbo, a lura ou a xiba son algunhas das máis recoñecidas dunha clase de invertebrados mariños que representan o 2,5% da produción mundial de alimentos procedentes do mar. Un estudo que publica a revista Scientific Reports, do grupo Nature, analiza en detalle a importancia deste sector e destaca que España, a China e o Xapón eríxense nos líderes deste comercio mundial.

O traballo está liderado polo investigador da USC Sebastián Villasante pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Xunto a el, lidera o estudo Andrés Ospina-Álvarez, do Instituto Mediterráneo de Estudios Avanzados (IMEDEA), centro mixto da Universidade das Illas Baleares (UIB) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Na investigación, tamén participan Pablo Pita e  Gillian Ainsworth, vinculados ao CRETUS da USC; Silvia de Juan do Instituto de Ciencias do Mar (ICM-CSIC); así como Cristina Pita e Fábio Matos da Universidade de Aveiro.

20 anos de rexistros

“A pesar da súa importancia ecolóxica, social e económica, xa que contribúe total ou parcialmente aos ingresos de miles de familias no mundo, existen poucas investigacións que describisen o alcance e a escala do comercio global dos cefalópodos”, apuntan dende o equipo investigador. “Do mesmo xeito, non existe ata a data unha regulación específica ou sistemas de seguimento que permitan estudar a súa trazabilidade”, engaden. Este traballo contribúe, polo tanto, a mellorar o coñecemento sobre o panorama xeral da industria. Para iso, os autores analizaron 20 anos de rexistros recompilados nas bases de datos de comercio das Nacións Unidas e constataron que oito países, incluíndo España, dominan o comercio mundial de cefalópodos.

Os resultados deste estudo mostran que a meirande parte dos movementos de mercado, no que están involucrados uns 250 países, atópanse liderados por cinco países asiáticos —a China, a India, a República de Corea, Tailandia e Vietnam—, dous países europeos —Países Baixos e España— e os Estados Unidos. O artigo destaca ademais que España pertence ao grupo de cabeza da subministración de cefalópodos per cápita/día, ou o que é o mesmo, a media da oferta dispoñible por habitante no país, só superada por Corea do Sur e ao mesmo nivel que o Xapón ou Taiwan.

O estudo tamén sinala que moitos dos cefalópodos potencialmente consumidos en España proveñen de Mauritania e Marrocos (polbo conxelado) e India (lura e xiba frescas), mentres que unha gran cantidade do polbo fresco español expórtase principalmente a Portugal e Italia. Esta situación conforma un claro exemplo da gran complexidade da rede mundial de comercio de alimentos mariños, onde o produto fresco e de calidade segue unhas rutas diferentes ás de abastecer os mercados locais, mentres que o produto procesado ou que viaxou grandes distancias é a principal oferta nos supermercados e grandes superficies. Os autores do estudo afirman que destacar esta información é de vital importancia no contexto actual de cambio global, pois o impacto ecolóxico dun alimento de orixe mariña non só se debe á enerxía utilizada para a súa captura e produción, senón tamén á distancia percorrida para chegar ata as mesas, e mesmo ao vehículo utilizado para o seu transporte.

Ademais da análise destes movementos de mercado, a investigación identifica os países ou territorios que xogan o papel de principais exportadores e/ou importadores, os moduladores, intermediarios ou acumuladores, os comerciantes mellor conectados e influentes, as principais rutas de fluxo e os puntos febles da rede mundial de comercio dos cefalópodos.

Preguntas e respostas

“O máis interesante segue a continuación, pois poderemos facernos preguntas baseadas nos nosos resultados” explican Sebastián Villasante e Andrés  Ospina- Alvarez. “Agora será máis fácil responder a cuestións sobre como melloramos as cadeas de subministración facéndoas máis sostibles e resilientes ao cambio climático, que países deben liderar os sistemas de  trazabilidade e verificación de produtos, ou cales son as rutas que hai que vixiar para garantir a seguridade alimentaria nesta industria”.

Esta investigación, conclúen os asinantes do artigo, “achega información esencial para avanzar cara a un comercio mundial de cefalópodos transparente e sostible, no que a  trazabilidade, a correcta etiquetaxe e a seguridade alimentaria supoñan elementos esenciais da xestión, pero tamén dunha industria pesqueira con efectos verdadeiramente globais”. “Isto pode requirir un compromiso internacional de políticas coordinadas, mecanismos financeiros e de mercado adecuados, e avances científicos e tecnolóxicos en constante evolución, pero os beneficios ecolóxicos, económicos e sociais superásenos con fartura. Adaptar a industria pesqueira e mitigar os efectos do cambio global para todos os que dependen dela é un dos retos da humanidade para lograr un futuro alimentario globalmente sostible”, subliñan. Este traballo foi financiado ao abeiro do proxecto INTERREG  Cephs and Chefs.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.