Este próximo luns comezará a restauración da duna de protección de Riazor

A previsión do Goberno municipal é que, se a meteoroloxía acompaña, esta intervención de reconstrución remate o martes

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, executará este luns, 10 de xaneiro, a restauración da duna de contención da praia de Riazor, co obxectivo de reforzar o dispositivo de seguridade do Paseo Marítimo e o bordo litoral coruñés no sector Riazor-Orzán, minimizando o impacto de posibles temporais no tráfico e a circulación peonil.

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, remarcou que este tipo de traballos para a reconstrución da duna son habituais durante a tempada invernal, polo menos en unha ou dúas ocasións, pola forza dos temporais que chegan á costa da Coruña.

Unha máquina bulldozer, modelo D8, traballará no areal de Riazor dende as 9.30 horas do luns coa previsión de rematar a intervención o martes, 11 de xaneiro, se non hai contratempos e sempre que a meteoroloxía o permita.

Neste sentido, o aviso de alerta laranxa, vixente dende este venres 7 de xaneiro, ás 6.00 horas, manterase ata este luns, 10 de xaneiro, ás 00.00 horas. As praias, pechadas pola Policía Local ao final da tarde do día de Reis, estarán precintadas ata o luns pola mañá.

A primeira duna de protección en Riazor, hai 26 anos

Este tipo de duna levantouse por vez primeira no ano 1995. Foi en resposta ao violento temporal que derribou a balaustrada do Paseo Marítimo. O risco de que o mar supere a duna depende fundamentalmente de tres factores: a altura e dirección da ondada, a intensidade e dirección do vento e, por último, os niveis da preamar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.