Gómez Reino denuncia no Congreso que a Xunta tramite as licenzas das obras de Ence “a pesar das sentenzas que anulan a súa concesión”

O Goberno confirmou á formación que nin a Xunta nin Ence propuxeron unha nova localización para a planta

Galicia en Común preguntou ao Goberno pola tramitación por parte da Xunta de Galicia de licenzas para a realización de obras de mellora na planta de ENCE a pesar das tres sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a concesión para operar na Ría de Pontevedra.

A empresa comprometeuse a realizar estas obras no 2016 no marco da concesión da prórroga ata 2073 outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy, tendo dous anos para levalas a cabo, con todo, nunca se executaron. De feito, antes das sentenzas da Audiencia Nacional, nun comunicado a empresa asegurara que só se acometerían as melloras de poder continuar funcionando todos eses anos. Galicia en Común criticou que ademais de ser unha prórroga ilegal, a propia Ence non cumpriu no seu momento os propios termos da concesión.

«A Xunta permite a Ence facer e desfacer ao seu antollo porque os intereses son compartidos», sinalou Gómez Reino. Nestes momentos, o Goberno galego está a tramitar con normalidade as solicitudes de licenza para executar as supostas melloras ambientais que a entidade prometeu coa conivencia do goberno de Alberto Núñez Feijóo.

De feito, o Goberno estatal confirmou a Galicia en Común que non recibiu ningunha proposta de ENCE nin da Xunta de Galicia para propoñer un cambio de localización da pasteira. «Os órganos xudiciais anularon a concesión de Ence e mesmo a condenaron por delito ambiental. O seu propio presidente chegou a dicir que a súa actividade podería causar un «susto medioambiental maiúsculo» e nas persoas. A falta de respecto polas sentenzas xudiciais non están á altura dunha institución como a Xunta de Galicia. Feijóo o que ten que facer é buscar unha nova ubicación para Ence e deixar de tratar de burlar a legalidade mediante artimañas que non van a ningures».

Galicia en Común suma varias iniciativas rexistradas no Goberno, unha delas pregunta ao Ministerio se finalmente se realizou algún tipo de inspección da caldeira de recuperación da planta ou se a propia fábrica tomou medidas para garantir a seguridade ambiental e a saúde pública. «Avergóñanos que Feijóo faga á Xunta de Galicia partícipe nun xogo de trileiros», alegou Gómez

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.