Gonzalo Caballero pide á Xunta un plan extraordinario de reforzo de persoal en sanidade e educación

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu hoxe á Xunta un plan extraordinario de reforzo de persoal en sanidade e educación para iniciar 2022, xa que “cando hai 65.000 casos activos de covid en Galicia, é máis necesario ca nunca ter persoal nos servizos públicos para dar protección á cidadanía”.

“Para a Galicia poscovid ou temos un goberno en Galicia que estea disposto a fortalecer os servizos públicos ou sairemos máis debilitados, cunha sociedade máis desigual e con maiores fendas entre as cidadás e os cidadáns segundo o seu nivel de renda”, advertiu o dirixente socialista quen subliñou que “isto é algo que non nos podemos permitir”.

Nesta liña, incidiu en que a Xunta “debería mudar a súa política de recortes de persoal” e “rectificar” a ”decisión errada” de “pór na rúa” a 868 docentes de reforzo e a máis de 500 profesionais sanitarios, xa que a contratación de máis persoal “é a mellor forma de facer fronte á sexta onda da covid” e máis “cando sabemos que veñen semanas complicadas e o punto máximo de contaxios aínda está por chegar”.

Así, no día en que arrinca o curso escolar e cando hai 9.000 alumnas e alumnos contaxiados e centos de profesoras e profesores de baixa, a Xunta “debería empezar a contratar xa aos docentes que despediu”. “Necesitamos que toda a cidadanía teña os mesmos dereitos nun momento no que imos convivir co virus, polo que hai que fortalecer a educación pública, a sanidade pública e as políticas sociais para que cheguen a todas e todos”, sentenciou.

No plano sanitario, Gonzalo Caballero volveu criticar a medida tomada polo Sergas na área sanitaria de Vigo onde “o goberno do PP mandou pechar as consultas de Atención Primaria en 14 centros de saúde”, unha decisión que evidencia a “debilidade dos servizos públicos cando non hai persoal” e que chega, lembrou, tres anos despois de que dimitisen en bloque 22 xefes de servizo desta área para denunciar a precariedade do sistema sanitario.

GALICIA, DAS COMUNIDADES QUE MENOS FONDO COVID DEDICOU A SANIDADE

Por último, Gonzalo Caballero cualificou de “escapismo” a actitude do goberno da Xunta trala súa petición ao goberno central de máis fondos para afrontar os gastos extraordinarios da sexta onda, cando “non foron capaces de investir axeitadamente todos os cartos que chegaron do fondo covid” e “soamente buscan escusas, en vez de contratar máis persoal e fortalecer os servizos públicos para ter garantías fronte á sexta onda”.

“Mentres no conxunto de España dedicaron o 52% do fondo covid a fortalecer a sanidade pública, en Galicia só se dedicou un 42%”, o que, lamentou, coloca a Galicia como “unha das comunidades autónomas que menos fondo covid dedicou a sanidade”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.