Gonzalo Caballero reclama á Xunta que “siga rectificando” para garantir unha volta ás aulas segura

O voceiro socialista critica que a Xunta rexeitara cubrir as baixas do persoal docente ata agora e esixe un “compromiso” co sistema educativo ante o “esforzo” e “estrés” do profesorado

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe á Xunta “que siga rectificando” para garantir unha volta ás aulas “segura” para alumnado, familias e persoal docente.

Inmersos nunha sexta onda con máis de 62.000 casos activos en Galicia a día de hoxe, o dirixente socialista pediu á Xunta que, “ademais de cubrir as 200 baixas laborais de persoal docente a raíz da covid, recupere o profesorado de reforzo que despediu en plena pandemia”.

Neste sentido, incidiu na súa petición á Consellería de Educación para que “volva contratar aos 868 profesores e profesoras de reforzo que botou á rúa”, xa que “queremos unha volta ás aulas con seguridade e, neste sentido, reforzar a educación pública é unha garantía para todos e para todas”.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero criticou que o goberno galego rexeitara ata onte cubrir as baixas do persoal docente, o que provocou que “dende o pasado 30 de novembro moitos colexios galegos estivesen nunha situación de precariedade e dificultade en canto a persoal con motivo das baixas provocadas polos contaxios de covid”.

“A Xunta fallou á nosa comunidade educativa despedindo a persoal e aumentado o cociente de alumnado por aula xusto cando debemos de ser máis rigorosos coas medidas de prevención de contaxios”, incidiu, o cal “amosa a falla de aposta por unha educación pública e de calidade por parte do goberno galego”.

Por todo isto, esixiu á Xunta un “firme compromiso” co sistema educativo ante o “enorme esforzo” e “estrés” que sufriu o profesorado durante case dous anos de pandemia.

Por último, o dirixente socialista sinalou que o Grupo Parlamentario Socialista “seguirá facendo da defensa do sistema educativo a súa bandeira” e “levará ao Parlamento todas as iniciativas que sexan necesarias para reforzar o profesorado e dar garantías a toda a comunidade educativa”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.