Haberá reforma laboral? Por Héctor Sánchez

Un Goberno progresista estaba obligado politicamente a facer unha nova reforma laboral que mellorara substancialmente as Reformas Laborais proempresariais e contra o persoal traballador feitas polo Goberno do PSOE de Zapatero no 2.010 e polo Goberno do PP de Rajoy no 2.012.
Tamén estaba obligado economicamente pola imposición da Comisión Europea de que tiña que reducir a temporalidade para poder recibir 12 mil millóns de euros dos fondos europeos.
Dado este contexto político interno, e económico ca Comisión Europea, o Goberno do PSOE e UP tiña que abordar o tema dunha nova Reforma Laboral despois das Reformas Laborais feitas polo Goberno do PSOE de Zapatero no 2.010 e polo Goberno do PP de Rajoy no 2.012.
A REFORMA LABORAL DO GOBERNO DO PSOE DE ZAPATERO NO 2.010
O contexto partía da crise económica que comezou no 2.008 e propiciou un forte aumento do número de traballadoras e traballadores en paro.
O Goberno do PSOE de Zapatero, despois de que non chegaran a un acordo a Patronal e os Sindicatos, sacou un Real Decreto Lei con medidas proempresariais e contra os intereses do persoal traballador
As principais medidas negativas foron:
1) Abaratar o custo do despido improcedente que estaba en 45 días por ano traballado a 33 días.
2) Abaratar o custo do despido procedente -cando as empresas alegaban perdas -para ser de 20 días por ano traballado cando era de 45 días.
3) As empresas e os sindicatos poderían pactar desvincularse do convenio se a empresa alegaba perdas.
A Reforma, aprobada en segundo tramite no Congreso o 9 de setembro, contou cos únicos votos a favor do PSOE, tivo a a abstención do PNV e os votos en contra da dereita do PP e de Converxencia e Unión e da esquerda estatal e nacionalista.
Tivo a oposición frontal de CCOO e UGT que convocaron unha Folga Xeral pero para despois -29 de setembro -de que fora aprobada no Congreso cando as medidas de presión hai que facelas antes de que sexan aprobados os cambios.
A REFORMA LABORAL DO GOBERNO DO PP DE RAJOY NO 2.012
O contexto seguía sendo o mesmo que comezou no 2.008. A Reforma Laboral do PSOE de Zapatero non arranxara nada. @s empresarios querían ganar máis -ou perder menos -. E a decepción que causou o PSOE en moita xente prexudicada facilitou que o PP ganara as eleccións cunha ampla maioría absoluta.
RESUMO DA REFORMA
Implantou un abaratamento do despido; deulle poder ás empresas para cambiar xornadas, turnos, funcións e salarios; facilidades para despedir; posibilitou despidos colectivos nas administracións e empresas públicas e fomentou o abuso da temporalidade.
Unha das medidas centrais foi que primaran os convenios de empresa sobre os convenios sectoriais, estatais e autonómicos o que repercutiu automaticamente en salarios máis baixos.
Outra foi derrogar a ultraactividade pola cal ao caducar un convenio, aplicábase un de ámbito superior no caso de habelo, ou senón depender directamente do Estatuto das Traballadoras e Traballadores.
Outra foi que as empresas podían desvincularse dos convenios con so alegar perdas.
Modificaron o artigo 41 do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras de maneira que unha empresa podía acordar modificacións substanciais das condicións de traballo cando existan probadas razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción poidendo a parte empresarial cambiar unilateralmente condicións recoñecidas nos contratos e nos acordos colectivos.
Modificaron o artigo 52 do Estatuto para poder despedir alegando causas económicas, técnicas, organizativas e de produción.
E outras moitas máis.
Foron convocadas mobilizacións por CCOO e UGT en moitas cidades o 18 e 19 de febreiro que congregaron a milleiros de persoas, que foron máis testimoniais que efectivas xa que so dous días de mobilizacións non podían frear a maioría absoluta do PP.
A Reforma foi aprobada no Congreso o 8 de marzo cos votos do PP, CIU, UPN, FA, votando en contra o PSOE, Esquerda Plural, PNV, UPyD e o resto do Grupo Mixto.
E tampouco podía ter moita efectividade que CCOO e UGT se sumaran á Folga Xeral do 29 de marzo promovida polos sindicatos vascos ELA-STV e LAB e polo sindicato galego da CIG.
Nese ano eu era delegado sindical representando á CIG no Comité de A Coruña de Política Social e sempre parecéume que o sindicalismo estatal, o vasco e o galego loitaron pouco -uns algo máis que outros – tendo en conta o salvaxe ataque político-económico dunha Reforma moi atentoria contra os dereitos das traballadoras e traballadores.
O ACORDO DO GOBERNO, CCOO, UGT, CEOE, CEPYME
Para poder valorar mellor o Real Decreto Lei froito do acordo do Goberno con CCOO, UGT, A CEOE e a CEPYME é útil unha comparativa ca normativa anterior ás Reformas Laborais dos Gobernos do PSOE de Zapatero e do PP de Rajoy, as promesas dadas, así como en que situación política-económica estamos.
O ACORDO DO GOBERNO, CCOO, UGT, CEOE, CEPYME
Algunhas melloras
Tal como quería a Comisión Europea hai bastantes melloras no relativo á TEMPORALIDADE.
Hai modificacións nos contratos formativos co fin de limitar a súa duración; desaparece o contrato de duración determinada por obra e servizo; reduce o tempo en canto a pasar de temporal a indefinido quedando en 18 meses nun período de referencia de 24 meses; un contrato temporal requerirá a previa xustificación do motivo e un máximo de duración de seis meses.
As empresas subcontratadas rexiranse pola actividade concreta que desenrolan polo que terán que pagar o salario correspondente en vez de pagar polo convenio de orixe.
Os ERTE requerirán dunha aceleración da tramitación; as empresas non poderán facer novas contratacións laborais salvo casos concretos; queda explicitada a causa de forza maior por saúde pública.
Unha vez caducados os convenios, recuperase a ultraactividade e o convenio sigue vixente.
Aspectos negativos que persisten
Seguirá podéndose despedir por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción
O custo do despido sigue igual. Nos improcedentes, de 33 días por ano traballado cun tope de 24 meses, e nos procedentes -debido a perdas da empresa -, de 20 días por ano traballado cun tope de 12 meses.
Sigue prevalecendo o convenio de empresa sobre os estatais e autonómicos, salvo no tema salarial que prevalece o estatal, anque as empresas poden desvincularse.
Sigue podendo modificarse as condicións de traballo no que afecte á xornda, salario, turnos e funcións, pero a empresa non poderá facelo unilateralmente e sen a supervisión das autoridades laborais.
Instaurase un Mecanismo Red polo cal as empresas que teñan dificultades globais ou cíclicas poderán solicitar á autoridade laboral a redución da xornada ou a suspensión dos contratos.
ESTA REFORMA NON PODIA SER MELLOR
O PSOE e UP, ao decidir negociar a Reforma con dous sindicatos propensos a negociar -sen mobilizar -e ca Patronal, deixaba claro que pretendía un acordo a medio camiño no cal ninguén ganara e perdera moito.
Polo tanto era imposible a derrogación das dúas Reformas Laborais tantas veces prometida por UP e menos polo PSOE, como imposible que empeoraran artigos craves para o beneficio empresarial, e que melloraran substancialmente artigos craves para o persoal traballador.
Non esquezamos que o PSOE ten estreitos vencellos empresariais, que UP ten unha actitude máis digna pero con pouca forza e como socio minoritario do Goberno, é responsable do que decida o Goberno -gústelle máis ou gústelle menos -.
HABERA REFORMA LABORAL?
En todos os temas non importan so os artigos senón que lles importa moito a todos os partidos que apoios ganan e que apoios perden.
O Goberno marxinou do Acordo aos partidos que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez, os Orzamentos Xerais………e non pode irlle a ERC, PNV, BILDU co Acordo feito a cambio de nada, e necesita dos votos deles para aprobar no Congreso este Acordo.
O Real Decreto Lei promulgado no BOE o 28 de decembro ten un prazo máximo de 30 días -ata o 26 de xaneiro – para ser debatido no Congreso e ser aprobado ou rexeitado.
As cousas complicanse máis dado que Podemos non se pronunciou sobre o Acordo, e eu, persoalmente, creo que non se pronunciou porque foi marxinado por Yolanda Díaz e o seu equipo asesor.
Podemos quere manter o bloque que apoiou a investidura de Pedro Sánchez -fundamentalmente ERC, PNV e BILDU – e non quere unha negociación con Cidadáns, que de fructificar supón darlle un balón de oxigeno a un partido en decadencia cando, ademais, cos seus votos tampouco alcanzarían os 176 necesarios.
A súa vez, a CEOE está tan satisfeita co texto que non quere que se modifique nada, e a súa vez a marxe de manobra de negociación con ERC, PNV e BILDU é mínimo.
Hai moitas cousas opostas como para encaixalas todas en tan pouco tempo, dai que non estea garantido que a Reforma Laboral sexa aprobada.
E dentro desta situación está a presión que recibe a dirección do PP de Casado por parte de xente influinte política e económica para que o PP se abstivera, e a Reforma se aprobara cunha maioría simple.
De ocorrer isto, que pode ocorrer, o que é seguro que se deteriorarían moito as relacións do Goberno con ERC, PNV e Bildu, máximo cando no País Vasco é maioritario o sindicalismo vasco de ELA e LAB que negocia cousas importantes ca Patronal vasca, e que a Patronal catalana está en contra do Acordo, polo que a dirección da CEOE ten unha división de importancia.
Agora, publicamente, está a loita do relato entre todas as partes que apoian o Acordo e quen o rexeita para ganar apoios populares, e, como sempre, cousas tan complexas simplifícanse con catro frases a favor e catro frases en contra.
De aquí a cando se celebre o Pleno do Congreso van pasar cousas importantes que ningunha das Organizacións implicadas controla na súa totalidade polo que pode haber novedades importantes.
Un resumo equilibrado que aporta os datos relativos ás reformas laborais PP-PSOE anteriores. Bo traballo, Héctor.
bon traballo, aclaratorio e oportuno
É decepcionante esta reforma. Parécese moito á anterior. A leí mordaza está ahí. Estamos na defensa do malo para evitar o peor. A paradoxa é que sae debilitada a esquerda española gobernante e que o neofascismo pode aproveitar a súa perda de apoios e desencanto para consolidar unha alternativa trumpiana
Ola boas, moi aclarado todo eu moi enfadada x esto e outras moitas cousas deixo aki porke trabo grazas Bo dia
Parabéns Hector. Boa e clarificadora análise.
Moi importante este anàlisis breve e craro do tema da Reforma Laboral pra quenes non somos expertos nos intringulis laboralistas ,mais que tanto nos afectan personalmente e que poden ser un elemento decisivo pra aprofundar na decepciòn da esquerda e abrir paso a unha dereita disposta a anular definitivamente a pouca democracia que temos.
Bon analis, a cousa e moy complicada e difícil. Parabens