Jorquera: “O Goberno local móstrase incapaz de precisar cando vai licitar o novo contrato de Nostián”

Interpelado por Francisco Jorquera a respecto de se xa ten decidido un horizonte temporal para a licitación do novo contrato de Nostián, o Goberno Local di que “si”, mais se mostra incapaz de precisar cando o vai facer

Iso é o que se tira da resposta que o Executivo coruñés ofrece a unha pregunta por escrito formulada polo voceiro nacionalista en María Pita en relación a un hipotético acordo coa Xunta para o envío de residuos a Sogama.

Jorquera rexistrou esa pregunta a raíz da publicación en prensa de informacións que apuntaban nesa dirección. “Mantivo reunións a concelleira delegada de Medio Ambiente coa Xunta para enviar parte dos residuos a Sogama?”, inquiriu Jorquera. A resposta do Goberno Local é un escueto “non”.

Na iniciativa que dá orixe a esta resposta do Goberno Local, o voceiro nacionalista sinalaba que calquera acordo con Sogama “contradiría por completo a filosofía que debe guiar o funcionamento de Nostián e desde logo atentaría contra a propia pervivencia dun modelo de xestión e tratamento do lixo a escala comarcal”.

“No canto de irmos cara un modelo que garanta verdadeiramente a reciclaxe e a compostaxe de calidade, renunciaríamos a parte da xestión dos residuos para engordar o negocio de Sogama”, engadía.

O Goberno Local nega agora os contactos coa Xunta e afirma que “non hai intención de renunciar ao modelo de tratamento de xestión de residuos”.

O problema é que ao tempo o Goberno Local non dá licitado o novo contrato, mentres se deterioran as condicións dunha planta cuxa concesionaria, alén de máis, ten impedido o acceso ás súas instalacións aos portavoces da oposición da Comisión de Medio Ambiente, sen que o Executivo coruñés movese un dedo para que se levantase ese veto e se permitise á Corporación fiscalizar o funcionamento dun equipamento de titularidade pública.

De resto, Jorquera, no texto da pregunta, advertíalle ao Goberno Local que unha demora na tramitación do novo contrato podería levar a que os concellos do Consorcio das Mariñas levasen o lixo a Sogama, o que claramente poría en risco a viabilidade de Nostián. Sobre ese particular, o Goberno Local limítase a dicir que “o servizo continúa prestándose con normalidade aos concellos do Consorcio das Mariñas”. Unha resposta nada tranquilizadora, pois non ofrece ningunha pista sobre os prazos que se barallan para licitar a nova concesión.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.