Luis Álvarez urxe a «reforzar» a sanidade pública ante o «problema estrutural» creado pola Xunta de Feijóo

O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, urxiu hoxe a “reforzar” a sanidade pública ante o “problema estrutural” creado pola Xunta cando “Feijóo debilitou os servizos públicos para conter o gasto e ser o máis avantaxado da clase”.

Ante as acusacións do goberno galego cara ao Executivo central sobre a formación de MIR, o dirixente socialista censurou a “mesma estratexia de sempre” de Feijóo que “busca un responsable externo ao que responsabilizar da súa propia falla de capacidade para resolver un problema” cando “dende que hai un goberno progresista en España a capacidade de oferta de prazas MIR ten aumentado”.

Así, incidiu, no último ano, o goberno central convocou 7.989 prazas de MIR, o número máis alto nos últimos dez anos e moi por riba das convocatorias dos anos de goberno de Mariano Rajoy, cando, por exemplo, no ano 2014-2015 tan só se convocaron 6.079 prazas ou, en 2015-2016, 6.097.

Ao fío disto, Álvarez puxo o foco da falla de persoal médico especializado en Galicia nas “diferentes” condicións laborais que ten o Sergas con respecto a outras comunidades autónomas cando “máis do 80% dos MIR que se forman en Galicia en medicina de familia e comunitaria non acaban traballando na nosa comunidade autónoma”.

Neste sentido, lamentou que Galicia sexa a 11ª comunidade autónoma en cociente en atención especializada, xa que só ten 1,95 especialistas por cada 1.000 habitantes, cifra que está “moi por debaixo da media estatal” e por detrás de comunidades como Navarra, Asturias, Aragón, Euskadi, Madrid, Castela-León, Cataluña, Cantabria, Baleares e Canarias.

Por último, o dirixente socialista criticou tamén baixada orzamentaria por parte do goberno galego en persoal para Atención Primaria cando “no ano 2009 había nos orzamentos 9.610 postos de persoal de Primaria e, no 2022, hai 8.634”, o que supón case 1.000 traballadoras e traballadores menos que hai 13 anos cando gobernaba a Xunta o goberno progresista liderado por Emilio Pérez Touriño.

BONO ALUGUER

Doutra banda, o dirixente socialista abordou a “polémica de curto alcance” suscitada pola Xunta con respecto ao bono de aluguer. “O PP non defrauda e critica canta medida de avance social se pon en marcha”, censurou Álvarez, quen lembrou que o goberno galego fixo o mesmo coa lei de dependencia, a reforma do sistema de pensións ou a reforma laboral.

“O bono de aluguer é un avance social que está chamado a converterse no quinto piar do benestar social”, incidiu Álvarez, xa que “a medida vai encamiñada a facilitar a emancipación do 85% das mozas e mozos que viven no domicilio familiar porque non teñen posibilidades”.

Neste sentido, Álvarez chamou á Xunta a “que non se opoña á medida” e “que faga todo o posible para facilitar a súa implementación” cando ademais “pode completalo porque ten competencias” nesta materia “que exerce de xeito moi mellorable”. “Non é unha cuestión de siglas nin de ideoloxía, senón de persoas e oportunidades”, sentenciou.

FONDOS EUROPEOS VINCULADOS AO EMPREGO

Por último, Álvarez criticou a “polémica ficticia” na que están sumidos o PP e Feijóo ao denunciar o reparto de 9 millóns de euros “dun programa piloto” do goberno central ao tempo que “a Xunta ten unha execución absolutamente lamentable dos fondos destinados ao fomento do emprego”.

“Por que a Xunta se suma a dinámicas foráneas que saben que non teñen ningún tipo de sustento e por que dentro do seu propio ámbito de xestión non leva a cabo nin sequera unha mínima parte da execución medianamente razoable destes fondos?”, cuestionou. “Van reclamar algo que saben que non ten recorrido”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.