Maite Ferreiro presenta a programación do Auditorio Municipal para o primeiro semestre de 2022

A área de Cultura organiza 28 actividades culturais con contidos para diversos públicos que terán lugar entre o 13 de xaneiro e o 5 de xuño de 2022

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a programación teatral que terá lugar no Auditorio Municipal durante o primeiro semestre de 2022. Maite Ferreiro explicou que «en total son 28 propostas, para distintos públicos, con actuacións de grupos de teatro de recoñecida calidade que conseguiron distintos premios».

«Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada», explicou Maite Ferreiro, que engadiu «esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez».

A programación inclúe un total de 14 propostas para público adulto e 14 para familias. Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e 3 nas actividades familiares. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.

Programación cultural 1º semestre 2022

Xoves, 13 de xaneiro. «Cigarreiras» de Contraproducións.

Duración: 100 minutos

20.30 horas

Dirección

Cándido Pazó

Elenco artístico

Tamara Canosa, Susana Dans, Covadonga Berdinas, Isabel Naveira, Ledicia Sola, Ana Santos e Mercedes Castro

No centenario do pasamento da novelista Emilia Pardo Bazán, Contraproducións presenta unha relectura dunha das obras máis interesantes da autora: A Tribuna. A muller, o amor e os prexuízos de clase son os temas en torno ao que xirarán esta relectura, facendo fincapé no ambiente e primeiras loitas feministas das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña. E todo isto cun trasfondo político onde se asiste ao ocaso dos Borbóns e á atribulada proclamación da I República.

 

Domingo, 16 de xaneiro. «Ás para Álex» de Baobab Teatro.

Teatro familiar. Recomendada público infantil maior de 5 anos.

Duración: 45 minutos

18.30 horas

Dirección

Andrea Bayer e Óscar Ferreira

Elenco artístico

Xosé Manuel Esperante e Cora Velasco

Álex é un neno coma calquera neno de 8 anos que lle encanta correr, xogar, quedar cos amigos/as, ir ao parque…, a súa paixón: o fútbol, pero un día Álex ten que deixalo todo porque o seu corpo non responde, non camiña…e coma calquera neno, Álex enfádase, enfádase coa súa nai, coa súa irmá, co seu can, ata co fútbol.  Álex enfádase co mundo e asáltanlle moitas preguntas, – por qué a min?, por qué non podo xogar? Por qué, por qué e por qué?…., está tan enfadado que deixa de mirar ao seu arredor, ata que un día aparece Laura no seu camiño, e sen pedir permiso pero con moito coidado e cariño entra de cheo na súa vida para mudarlle a mirada.

 

Xoves, 20 de xaneiro. «Pura» de Os Náufragos Teatro.

Duración: 75 minutos

20.30 horas

Dirección

Gustavo del Río

Elenco artístico

Denis Gómez, Rebeca Vecino, Sete Eiroa, Nicolás Gaude e Gustavo del Río

PURA fala dos nosos maiores. En concreto, a orixe da nosa peza é a avoa Pura, familia do noso director que serve como fío condutor do espectáculo. Pura tamén está de aniversario, 94 anos, e o seu desexo é ir de novo ver un filme ao cine París da Coruña. Un cine que xa non existe, un cine que agora é un Pull and Bear.

Pura fala de memoria histórica, das lembranzas que aínda perduran nas nosas avoas, da reminiscencia, dos lugares que un día foron parte da nosa vida e tamén entra no conflito da especulación inmobiliaria e da destrución do patrimonio cultural.

Queremos ter un recordo para todos os nosos maiores que xa non están con nós.

 

Domingo, 23 de xaneiro. «Little neno descobre os Beatles» de A Reixa Producións.

Teatro familiar. Recomendada público infantil de 2 a 12 anos.

Duración: 45 minutos

18.30 horas

Dirección

Marco Aurelio González Ortiz e Francisco Javier Villasenín Montoiro

Elenco artístico

Marco Aurelio González Ortiz , Alfonso Espiño Louro, Cristina Fuentes Gutiérrez e Tareixa Martínez Barral

Cando Little Neno queda durmido sempre suceden cousas estrañas. Pero estrañas de verdade… Renato, o seu oso de peluche, marchou nun curioso submarino amarelo. Para atopar o seu querido amigo, Little Neno terá que contar coa axuda de personaxes sorprendentes coma o tolo do outeiro, o home ovo, Lucy no seu ceo de diamantes e unha morsa. Que comece a aventura…

 

Xoves, 27 de xaneiro: «Yo Mussolini» de Leo Bassi – Culturactiva.

Idade recomendada: Público adulto.

Duración: 75 minutos

20.30 horas

Estreado pouco antes da pandemia supuxo un tremendo éxito de público e prensa. Leo Bassi achéganos o seu mellor espectáculo dos últimos anos. Bassi volve posicionarse fronte á extrema dereita nun momento de vital importancia para a sociedade cun espectáculo nado do auxe en todo o mundo da vella ideoloxía fascista. Un desafío directo á xente que ten loitado sempre por unha vida máis solidaria e humanista.

Yo, Mussolini é unha peza provocadora e divertida, pensada para xerar optimismo e dar ao público que sae do teatro gañas de resistir, ou, mellor, «risistir!» con intelixencia á intolerancia. .

Unha proposta desgraciadamente imprescindible nestes tempos.

 

Domingo, 30 de xaneiro. «Déjà-vu» da compañía de Manolo Alcántara.

Novo circo para público familiar.

Duración: 60 minutos

18.30 horas

PREMIO NACIONAL DE CIRCO 2021.

PREMIO FETEN 2021 ADAPTACIÓN TÉCNICAS CIRCENSES Á NOVA DRAMATURXIA.
PREMIO DO PÚBLICO MIT RIBADAVIA 2021.

Dirección

Manolo Alcántara

Elenco artístico

Manolo Alcántara (intérprete), Andreu Sans (intérprete e tremoia) e Xavi Valero (tremoia)

Unha proposta de circo persoal, fronteirizo co teatro físico (apoiado noutras disciplinas coma os monicreques, proxeccións, etc.) onde a curiosidade, a intuición e as ganas de explicar as cousas dunha maneira singular son o motor principal.

Déjà-vu fala da distancia entre unha persoa e os seus soños, do que é e o que querería ser. Soños moi ambiciosos que espertan os seus aires de grandeza, pero tamén imposibles, abocándoo ao desánimo.

Soño ou realidade.

Un espectáculo visual, suxerente e arriscado.

 

Xoves, 3 de febreiro. «Salvador» da compañía de Borja Fernández.

Público adulto

Duración: 60 minutos

20.30 horas

Dirección

Borja Fernández e Uxía P. Vaello

Elenco artístico

Borja Fernández e Xacobo Castro

Eu non coñecín ao meu avó. Morreu hai 11 anos. Emigrou a Brasil. Desapareceu. En cada foto parece unha persoa diferente. Invéntase a si mesmo. Minte, oculta información. Foi mormón, masón, católico, ateo, contrabandista? Foi unha vítima. Moitos emigrantes transfórmanse. Como o «spam» desta historia. Coma se o meu avó soubese que alguén no futuro ía buscalo e a súa maneira de agocharse era xogar coa súa identidade e coa súa historia, como xogando ao descoido. Borja Fernández. Ilhéus, Bahía. Brasil. 20 de setembro de 2015.

 

SALVADOR é un proxecto escénico para un actor/músico e unha vídeo/jockey/manipuladora de obxectos, sobre os movementos migratorios, as desaparicións e os encontros.

SALVADOR céntrase na figura dos avós, concretamente nos avós galegos emigrados a mediados do século pasado a Sudamérica e, especificamente, na misteriosa figura de Benito Fernandes Meirinho, e no seu impacto na historia recente, na configuración das comunidades, familias e individuos contemporáneos.

SALVADOR está a metade de camiño entre o documental e a ficción teatral, con especial énfase na combinación de texto, movemento, música en directo e novas tecnoloxías.

 

Domingo, 6 de febreiro. «Leonardo e os Biosbardos» da compañía A Xanela do Maxín.

Teatro familiar. Recomendada público infantil de máis de 6 anos.

Duración: 50 minutos

18.30 horas

Dirección

Celtia Figueiras e Topo Vidal

Elenco artístico

Celtia Figueiras, Mario Rodríguez e Topo Vidal

Leonardo, no seu intento por integrarse e adaptarse a Auria, fará por superar as probas que a cuadrilla da Roncolla lle obriga a realizar para formar parte da mesma.

Entretanto debe tamén coidar de pecharlles a porta ás galiñas pola noite, porque están a desaparecer misteriosamente e é que na súa granxa outro drama se está a cocer… os raposos teñen atemorizados aos habitantes do galiñeiro cos temibles Biosbardos. A cambio da protección esixen a súa comida preferida: ovos de galiña.

A través do acoso introdúcese a superación dos medos, racionais e irracionais. Non renderse, vencer as adversidades e plantarlles cara aos problemas como un medio para favorecer a educación integral das persoas.

A solidariedade, o ecoloxismo, a integración, a vida na natureza ou o despoboamento do rural son outras das temáticas que se tratan nesta obra.

 

Xoves, 10 de febreiro. «…e poñerán esposas ás flores» da compañía Stracciatella Teatro.

Duración: 80 minutos

20.30 horas

Dirección

Javier F. Mariño

Elenco artístico

Marcos Fernández, Alejandro Carro, Andrés Mahía, Klaus Martínez e Iria Lamas 

…E POÑERÁN ESPOSAS ÁS FLORES é un dos dramas máis provocativos de Fernando Arrabal no que se presenta a dicotomía dun ser humano que pode facer cousas fermosas como chegar á lúa e outras terribles como asestarlle o tiro de gracia a Lorca no cu. A obra transcorre nun cárcere español do final da posguerra civil e inspírase no caso de Julián Grimau, executado en 1963 polos seus crimes cometidos durante a guerra civil uns 25 anos antes.

A trama teatral non soamente transcorre dentro da cela na que permanecen os presos, senón que se vai alternando con diferentes recordos e soños dos protagonistas polo que a peza tínguese de multitude de elementos oníricos que permiten facer unha reflexión exhaustiva da realidade que aconteceu no noso país.

Na adaptación realizada por Javier F. Mariño súmanse ao universo de Arrabal elementos visuais que achegan  ao espectador a atmósfera da época. De igual maneira, a utilización do acordeón como unha personaxe máis da historia consegue levarnos do real ao onírico con total claridade.

 

Domingo, 13 de febreiro. «Cubo» da compañía Elefante Elegante.

Teatro familiar. Recomendada público infantil de máis de 3 anos.

Duración: 45 minutos

18.30 horas

Dirección

Gonçalo Guerreiro, María Torres e Pablo Sánchez

Elenco artístico

María Torres e Gonçalo Guerreiro

 «Urxe vivir a propósito, como só os soñadores viven!»

C U B O é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 3 anos. O espectáculo ten orixe na abstracción da figura xeométrica do cubo e parte da situación de confinamento que todos vivimos para evocar a amizade, as separacións, a necesidade de descubrir o mundo e a aventura de medrar.

C U B O é un xogo e un xoguete cheo de fantasía, humor e poesía visual. 

En escena, un cubo de 2 metros de lado onde habitan dous personaxes interpretados por María Torres e Gonçalo Guerreiro. Xogan, cantan, rin, pelexan e berran. Un día decátanse de que queren ir máis lonxe e descubrir o mundo enteiro. Sempre estiveron de acordo ata hoxe, mais no momento de elixir o seu destino non son quen de chegar a un consenso. Un quere viaxar cara a un lado en busca de preguntas e o outro quere buscar respostas na dirección oposta. Que solución atoparán? Norte, sur, leste ou oeste? Xuntos ou separados? «Apetece caer para riba ata un lugar descoñecido sen precisarmos de mapas para subir montañas, nin indicacións para abrir e pechar portas de castelos imaxinarios! Como xogar a un novo xogo… e saltar á primeira paisaxe!»

 

Domingo, 20 de febreiro.  «Camino a la escuela» de Campi qui Pugui.

Teatro familiar. Recomendada para  todos os públicos.

Duración; 50 minutos

18.30 horas

PREMIO  Á MELLOR POSTA EN ESCENA EN FETEN 2021

PREMIO AO MELLOR ESPECTÁCULO FAMILIAR NOS PREMIOS DA CRÍTICA 2021. BARCELONA

Dirección

Rosa Díaz

Elenco artístico

Aitana Giralt, Cristina García, Alícia Buil e Jordi Pedrós

Tres irmás, un camiño e un obxetivo: ter o futuro nas súas mans. Esta é a extraordinaria historia de tres irmás que se enfrontan diariamente a obstáculos e adversidades para chegar á escola. Tres nenas que viven nun país calquera, nun lugar tan lonxano como próximo, que non falan ningún idioma concreto e, ao mesmo tempo, fálanos todos. Un espectáculo suxerente, visual e sen texto que se inspira na historia real de nenas e nenos de todo o mundo. Nenos autónomos e capaces, que comparten as ganas de aprender e cambiar o seu mundo.

 

Xoves, 24 de febreiro. «Smoke on the water» da compañía Ibuprofeno Teatro.

Duración: 85 minutos

20.30 horas

PREMIO DE TEATRO MOME VARELA BUXÁN 2013.

Dirección

Santiago Cortegoso

Elenco artístico

Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Ríos, María Costas e Mon Orencio.

Traxicomedia sórdida con música en directo. Unha historia de sexo, drogas, rock and roll, enfermidade, violencia, prostitución, vandalismo, morte e, por suposto, de amor. Ritchie (Blackmore) vive ancorado no rock and roll dos 70, ten unha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa hai anos que non canta, estuda filosofía na universidade. A súa unión sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, formando un círculo vicioso enfermizo, un sistema de relacións de dependencia imposible de desenlear. Este «status quo» absurdo, en continua combustión, vese ameazado pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora que se namora perdidamente de Janis, ao tempo que establece unha fonda amizade con Ritchie. A intervención de Joan Baez, empregada de banca que xestiona a hipoteca de Ritchie, clienta de Álex, propicia un final pateticamente feliz ao enredo amoroso-financeiro entre este grupo de seres humanos fracasados, torpes, perdedores, frustrados, desgastados e maltratados pola vida, que provocan tenrura e compaixón. 

 

Xoves, 3 de marzo. «As alumnas» de Culturactiva.

Duración: 70 minutos

20.30 horas

ESTREA DO ESPECTÁCULO

Dirección

Fina Calleja

Elenco artístico

Anabell Gago e Mónica Caamaño.

As alumnas é un espectáculo dirixido por Fina Calleja, con texto de Paula Carballeira, en torno á figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. As dúas personaxes femininas, interpretadas por Anabell Gago e Mónica Caamaño, representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.

Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desas cartas, e da reconstrución daqueles tempos nos que eran as mellores amigas, iremos descubrindo cómo as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.

As Alumnas non será o primeiro espectáculo  que afronte temas relacionados coa memoria histórica, mais si achegará un enfoque ben singular, poñendo o foco nunha figura imprescindible da nosa historia, María Barbeito, e na súa obra e legado. De igual xeito, na obra confrontaranse dous modelos educativos e de sociedade, a segunda república e o franquismo, abordando teatralmente o enorme retroceso que supuxo, especialmente para as mulleres, o golpe militar de 1936. Constrúese un relato de vidas cruzadas, dúas nenas que agora de adultas retoman o contacto nun encontro que lles axuda a recolocar o seu  pasado, que resulta revelador  para ambas e que rescata das súas memorias individuais un pasado que é tamén colectivo. Recoñécense como acredoras das ensinanzas de María Barbeito, beneficiarias do seu pulo inspirador pero agora síntense na obriga de dar conta do que fixeron con ese caudal do que son herdeiras.

 

Domingo, 6 de marzo. «A cazola de Lola» de Tanxarina Títeres.

Teatro familiar. Recomendada público infantil de máis de 5 anos.

Duración: 50 minutos

18.30 horas

Dirección

Cándido Pazó

Elenco artístico

Eduardo Rodríguez «Tatán», Miguel Borines e Andrés Giráldez

 Lola sempre arrastra un cazo atrás dela. O cazo caeulle un día enriba… Non se sabe moi ben por qué. Por causa deste cazo, Lola xa non é de todo coma os demais. Precisa de moito agarimo, é moi sensible e ten un gran sentido artístico. A miúdo as persoas só ven nela ese cazo que arrastra por todas partes. E atópano raro… Ademais, o seu cazo complícalle a vida. Afortunadamente existen persoas marabillosas, só fai falta dar cunha delas…

 

Domingo, 3 de abril. «Hugo» de Os Náufragos Teatro

Teatro familiar. Recomendada público infantil entre 4 e 10 anos.

Duración: 40 minutos

18.30 horas

Dirección

Gustavo del Río

Elenco artístico

María Roja, Jimmi Núñez

Os Náufragos Teatro presenta HUGO, un espectáculo con forte compoñente social, ao que nos ten acostumados a compañía, coa que queren sensibilizar e dar visibilidade ao trastorno do espectro autista (TEA). Dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos, e tamén aos seus pais e nais, utiliza para isto unha linguaxe universal, a modo de conto.  HUGO fala así de empatía, da necesidade de comunicarnos e da beleza da diferencia, porque ser diferentes fainos grandes. Hugo é diferente. Gústanlle moito os avións e tamén toca o piano. Laia visita a Hugo cada día. A Laia gústalle falar e as plantas. Hugo ten TEA, trastorno do espectro autista. HUGO fala da empatía, da necesidade de comunicarnos e da beleza da diferencia. Ser diferentes fainos grandes.

 

Xoves, 7 de abril. «Morte accidental dun anarquista» de Talía Teatro.

Duración: 90 minutos

20.30 horas

Dirección

Cándido Pazó

Elenco artístico

Toño Casais, Diego Rey, Marta Ríos, Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Artur Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto

Milán,1969. Un anarquista falece tras caer pola ventá dunha comisaría na que está sendo interrogado pola policía. En plena investigación xudicial dos feitos, a aparición en dita comisaría dun «tolo» que se fai pasar por diferentes personaxes logrará darlle a volta ás indagacións e descubrir a verdade.

Cunha sátira implacable chea de humor, Darío Fo pon en evidencia a natureza da policía, os seus métodos manipuladores e a súa función represora, así como o importante papel dos medios de comunicación na súa busca da noticia e do «escándalo».

 

Domingo, 17 de abril. «Sopa de Piedras» de Engruna Teatre

Teatro familiar. Recomendada público infantil maior de 4 anos.

Duración: 50 minutos

18.30 horas

PREMIO XARXA ALCOVER NA MOSTRA D’IGUALADA 2021

FINALISTA NOS PREMIOS BUTACA 2021 COMO MELLOR ESPECTÁCULO FAMILIAR

ESPECTÁCULO RECOMENDADO POR SAREA 2021

Dirección

Mireia Fernández

Elenco artístico

Anna Farriol y Julia Santacana

‘Sopa de Piedras’ fala de todas aquelas persoas que foxen da súa realidade en busca dunha oportunidade e chegan a un lugar onde encontran unha sociedade que non ve ou non quere ver máis aló dela mesma e é incapaz de ver ao recén chegado coma unha oportunidade e non coma unha ameaza. Falando desta sociedade, falamos de todos nós e daquelas pedras que atopamos na vida e que hai que convertir en oportunidades e aprendizaxe. «SOPA DE PIEDRAS» é a historia de Alma, unha nena que ten que fuxir do seu país, porque un día ve cómo o ceo, en lugar de cometas, énchese de avións. Despois dunha longa viaxe, chega a un lugar descoñecido, onde aparentemente todo o mundo ten de todo, pero ninguén quere compartir nada con ela. Con enxeño e intelixencia fai unha sopa de pedras que transforma o individualismo de todo un pobo nun traballo en equipo e dá unha lección de vida a todos aqueles que inicialmente lle pecharan as portas.  

 

Xoves, 21 de abril. «O porco de pé» de Producións Teatrais Excéntricas

Duración: 90 minutos

20.30 horas

Dirección

Quico Cadaval

Elenco artístico

Patricia Vázquez, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira

O PORCO DE PÉ: Teatro de fenómenos O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a súa superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza que resulta imposible distinguilo. 

Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, ten hoxe máis vixencia ca nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán como nunha lanterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.  Producións Teatrais Excéntricas inventa, para reinventar este retrato de NÓS, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. Para dar vida á galería zoolóxica contamos con tres fenómenos: Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo. Na plástica, o fantástico Carlos Alonso, no mundo sonoro, o ventrílocuo Piti Sanz, na luz, o acrobata Octavio Mas, e na dramaturxia a besta das dúas cabezas: Pepe Sendón e Quico Cadaval.

 

Domingo, 24 de abril. «Uniko» de Teatro Paraíso

Teatro familiar. Recomendada público infantil maior de 6 anos.

Duración: 67 minutos

18.30 horas

PREMIO NACIONAL DE TEATRO PARA Á INFANCIA E XUVENTUDE

NOMINADO A MELLOR ESPECTÁCULO INFANTIL, XUVENIL OU FAMILIAR NOS PREMIOS MAX 2021

Dirección

Iñaki Rikarte

Elenco artístico

Maite Bayon, Tomas Fernández Alonso, Maitane Goni

Paul é fillo único e o rei da súa casa. O nacemento da súa irmá Irati provocará que un medo íntimo a deixar de ser querido se apodere del ameazando a estabilidade familiar.

ÚniKo é un espectáculo para todos os públicos a partir de 6 anos que pretende ser un reflexo do que os celos polo nacemento dun irmán poden provocar nun neno e no seu contorno. Mesturando as técnicas do monicreque e do teatro máis realista presentamos o inquietante tema dos ciúmes, mirándoos de fronte en toda a súa crueza, aínda que sen perder nunca o sentido do humor.

Polo escenario faremos desfilar a Paul, aos seus pais, a súa irmá Irati, a súa avoa, a mestra de Paul e a Richi -o seu oso de peluche e alter ego da súa conciencia-, coa vontade de facer un espectáculo familiar no seu sentido máis amplo, pois tanto os nenos coma os adultos atoparán situacións e personaxes nos que sentirse recoñecidos.

Esperamos que sirva para pasar un bo pedaciño e, de paso, reflexionar todos xuntos arredor de temas coma a convivencia, a educación, a autoestima, a tristura ou o apego.

 

Xoves,  28 de abril. «A familia real» de Olivas Negras

Duración: 80 minutos

20.30 horas

Dirección

Diana Mera

Elenco artístico

Sonsoles Cordón, Gianluca Cordón, Asahel Gallardo, Francisco Gallardo, Ginevra Nortes, Marielvy Martínez, Diana Mera, Vicente Mohedano, Cecilia Vázquez e Beatriz de Vega

A FAMILIA REAL é unha coprodución entre Aporía Escénica, dirixida por Diana Mera e Olivas Negras, dirixida por Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez. Tres mulleres creadoras e empresarias da escena, formadas na ESADg, que decidiron entrecruzar os seus camiños artísticos e unir forzas nun novo proxecto teatral, motivadas pola necesidade de interaccionar cos seus fillos e fillas en escena.

Como cambia a nosa vida cando chega un novo ser a ela? Corréspondense a realidade co imaxinado previamente? Ata qué punto nos transforma e nos enriquece formar unha familia? Cáles son as dificultades, os desafíos, as crises que se nos presentan como nais e pais nunha sociedade complexa como a contemporánea? Como compaxinamos a itinerancia e inestabilidade das artes escénicas coas esixencias da crianza? Estamos preparadas para asumir todos os retos e imprevistos con creatividade? 

 

Domingo,  1 de maio. «Contacreques» de Eme2 Producións

Teatro familiar. Recomendada público infantil maior de 3 anos.

Duración: 45 minutos

18.30 horas

Dirección

Álex Díaz

Elenco artístico

Rocío González e Rocío Salgado

CONTACREQUES  é un espectáculo poético, divertido, áxil e desenfadado dirixido a un público comprendido entre os 3 e 7 anos.

É unha peza de creación propia con textos de Ricardo Combi, baseados nos contos clásicos: O REISEÑOR – GARAVANCIÑO – O ZAPATEIRO E OS TRASNOS.

O REISEÑOR: Na remota China, o canto dun paxaro revélalle o goce de vivir a un emperador.

GARAVANCIÑO: As peripecias dun minúsculo personaxe nun mundo de «xigantes».

O ZAPATEIRO E OS TRASNOS: A maxia dun Zapatrasno que é quen  de transformar a realidade.

 

Xoves, 5 de maio. «Hotel Europa» de Señora Supina

Duración: 85 minutos

20.30 horas

Dirección

Javier Lojo

Elenco artístico

Nola Drake, Raquel Ferraz, Alba Outeda, Raquel Crespo e Javier L

Benvidos ao HOTEL EUROPA, un peculiar hotel nunha vila costeira galega na que descansar e vivir unha noite inesquecible.

Un berro, unha chamada na noite e unha chea de sospeitosos…  Dona Remedios, dona e alma do centenario Europa, aparece morta  en estrañas circunstancias. A lupa porase sobre  a variopinta clientela para tentar responder a pregunta:  quen matou a Dona Remedios?

HOTEL EUROPA é unha comedia vodevil áxil e divertida con catro actrices que interpretarán a máis de 20 personaxes.  Unha obra moi do estilo das sitcoms (comedias de situación) e cunha boa dose de intriga na que uns e outros descubriremos as divertidas e entrelazadas historias dos moradores do Hotel.

HOTEL EUROPA é un espectáculo que busca reflexionar, desde a ironía e o entretemento, sobre os procesos de transformación e perda de identidade que, nos últimos anos, as vilas galegas veñen sufrindo por mor da especulación urbanística e o turismo masificado. Un proxecto que parte do propio para chegar ao de todos, do concreto ao universal, e que emprega fórmulas a medio camiño entre o vodevil, o musical, a alta comedia e o teatro convencional.

 

Domingo,  8 de maio. «La mona Simona» de La Sonrisa del Lagarto

Teatro familiar. Recomendada público infantil maior de 5 anos.

Duración: 50 minutos

18.30 horas

Dirección

Marli Santana

Elenco artístico

Marli Santana e Ave Fernández

Un espectáculo sinxelamente belo, inspirado en valores coma a amizade e o amor á natureza. Innovador porque mestura as técnicas do teatro de sombras chinescas, os monicreques e a narración e interpretación. Ademais, recrea o mundo máxico, por medio da teatralización dos contos universais.

Esta mestura de técnicas e a dificultade que afronta cada unha delas por separado e en conxunto, xeran un espectáculo revelador, moderno, ideal para o goce de toda a familia pola súa creatividade e calidade artística.

Colgada dunha cana dun milenario Baobab, a mona Simona agarda durmida a chegada da alba para saudar ao astro rei, o Sol. A todos os outros animais que pasan por debaixo da súa árbore convídaos a ver o gran espectáculo, e para espantar o sono e a soidade da espera, pídelles que lle conten un conto.

 

Xoves, 12 de maio. «Semente de Nós» de Sarabela Teatro

Duración: 60 minutos

20.30 horas

Dirección

Ánxeles Cuña Bóveda, Tito Asorey e Lucía Estévez

Elenco artístico

Fernando Dacosta, Elena Seijo, Rosa Puga Davila, Fernando González, Fran Lareu, Santi Cuquejo, Alberte Medeiros e Nuria Sotelo

O Boletín NÓS cumpre 100 anos. Para celebralo, desde o seu berce  fundacional, Sarabela Teatro e Ollovivo coproducen este Docu-Drama: celebración-indagación  vizosa e crítica de enorme interese social e cultural.

Desde unha perspectiva contemporánea este proxecto achega, actualiza e espalla unha parte representativa do legado inxente de NÓS. Trátase de amosar (con alegría e vontade) á mocidade e á cidadanía de onde vimos, tal e como eles fixeron cos seus coetáneos.

Para celebrar o amor, a arte e a beleza, a cultura e a ciencia, a memoria e a esperanza. Cosendo o pasado ao presente para proxectármonos cara a un futuro que pide a berros un cambio de paradigma sanitario, científico, ecolóxico, pedagóxico, social, cultural…

Para sumar sinerxias creadoras nunha proposta única, nun mosaico que lles permita ás persoas que participen mergullarse na alma dunha época que dialoga facendo audibles as voces, facendo visible o invisible. 

 

 

Domingo,  15 de maio. «Canta, miña pedra canta» de Xoán Curiel e Charo Pita

Concerto e contacontos familiar.

Duración: 60 minutos

18.30 horas

Elenco artístico

Xoán Curiel e Charo Pita

Música, teatro, narración oral e participación activa fan de Canta miña pedra, canta un espectáculo único.

Unha divertida e dinámica proposta teatral e musical infantil para toda a familia, na que dous estudosos de Antonio Fraguas que van dar unha conferencia na capital arredor deste autor van pouco a pouco entrando na súa vida, nun tándem en escena que resulta eléctrico.

Xoán Curiel crea cancións propias e pon música ás cantigas recollidas por Antonio Fraguas, namentres que a actriz e contadora Charo Pita conta contos populares tamén de recollida do noso patrimonio inmaterial.

 

Xoves,  19 de maio. «Libre coma os paxaros» de Teatro do Atlántico

Duración: 60 minutos

20.30 horas

Dirección

Xúlio Lago

Elenco artístico

María Barcala

A base fundamental para a elaboración da posta en escena deste espectáculo son os textos de Rosalía de Castro -lieders, poemas, artigos, prólogos-,  engarzados con outros materiais que contextualizan e conforman unha vía pola que transitar o pensamento da nosa autora e o seu compromiso irrenunciable diante dos acontecementos e conflitos  protagonistas na sociedade do seu tempo, e que son sorprendente reflexo dos que hoxe nos acucian.

Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.

Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.

Denuncia o espolio do patrimonio forestal; a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria.

Muller galega. Filla de nai solteira. E de pai cura. Chámase María Rosalía Rita de Castro.

 

Domingo,  22 de maio. «As que limpan» de A Panadaría

Duración: 75 minutos

18.30 horas

Dirección

A Panadaría

Elenco artístico

Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman

Un cartel pendurado no manubrio da habitación. «Por favor, arranxe o cuarto». Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son As que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador. As que limpan fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes.

 

Domingo,  5 de xuño. «A saga de Flin Harvardr» de Trécola

Teatro familiar. Recomendada público infantil maior de 2 anos.

Duración: 50 minutos

18.30 horas

Dirección

Isabel Rey e Marcelino de Santiago

Elenco artístico

Isa G. Coldeira, Ero Vázquez Cabrera e Pablo Pintor

Eran as sagas unha cantiga á heroicidade de grandes guerreiros vikingos fortes e valentes, que abandoaban as súas terras ermas e denostadas polo clima nórdico e zarpaban nos seus drakar para conquistar outros pobos na procura de alimento e tesouros.

Non é o caso da Saga de Flin Havardr… un pastor que albisca nun soño as súas proezas como guerreiro e que xa na realidade leva a cabo unha viaxe inesperada acompañado por unha tripulación moi particular que nada ten de forte ou valente aínda que abonda en creatividade.

Conseguirán arrivar á terra a conta da morriña dun dos seus tripulantes…

Conquistarán ou serán conquistados?

Unha obra orixinal de Trécola representada por monicreques de fíos e música en directo da man de Pablo Pintor.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.