Marín aumentará as rúas con ZONA 2H polo bo funcionamento da medida

Despois de nove meses de vixencia da medida, o Goberno local fai un moi bo balance da mesma e considera que algunhas rúas do centro con alta demanda de rotación de aparcadoiro poden verse beneficiadas da súa implantación

A ordenación do espazo urbano é unha das cuestións nas que máis se está a traballar desde o Concello para conseguir un Marín máis ordenado, máis eficiente, máis sostible e cunha mobilidade cómoda tanto para os peóns como para o tráfico rodado.

Neste sentido, unha das medidas das que o Concello fai un moi bo balance despois de nove meses da súa posta en marcha é a ZONA 2H. Tal e como explicou hoxe o concelleiro de Tráfico, Francisco Estévez, “quixemos esperar un tempo prudencial para facer balance e ver como se integrou esta medida na sociedade e temos que dicir que estamos moi satisfeitos, xa que se demostrou coma unha medida eficaz para garantir a rotación dos estacionamentos na vía pública”.

Segundo se extrae do informe realizado pola Policía Local, encargada de vixiar e controlar o cumprimento da normativa, “a maioría dos usuarios responden favorablemente á implantación, indicando incluso que podería implantarse nalgunha outra zona”.

Por iso, Estévez adiantou que o Concello está a traballar na ampliación da ZONA 2H a máis rúas. “Consideramos que hai algunhas vías do centro urbano nas que a limitación horaria de máximo dúas horas podería ser beneficiosa”, explica o edil, por ser rúas nas que tamén hai unha ampla demanda de rotación do estacionamento “asociado sempre a pequenas xestións, compras, recados… para os que abonda con o coche durante un tempo limitado e, por tanto, deixar ocos libres para outros veciños e veciñas”.

Actualmente, os tramos de rúas nos que está en vigor a ZONA 2H son:

1.- Avenida de Ourense:

  • desde o paso de peóns, fronte ao parque infantil, ata a Praza de España.
  • desde o paso de peóns, fronte ao parque infantil, ata a Rúa Estrada.
  • desde o número 90 ao 96.

2.- Rúa Exército e Marina: desde o Mercado de Abastos ata o monólito da Liberación.

3.- Rúa da Ponte: desde a zona de carga e descarga, situada fronte á fonte, ata o cruzamento con Rúa do Sol.

4.- Rúa de Concepción Arenal:

  • desde o cruzamento rúa de Jaime Janer ata a Rúa da Roda.
  • no tramo de beirarrúa impar, fronte á EEI O Grupo, ata o cruzamento coa rúa Méndez Núñez.

5.- Rúa Jaime Janer: desde o cruzamento con rúa Concepción Arenal ata a Rúa Busto de Abaixo.

6.- Rúa do Alcalde Ezequiel Massoni: beirarrúa impar (Parque Eguren), desde o cruzamento con Rúa Busto de Abaixo ata o cruzamento con Rúa de Concepción Arenal.

Poucas multas polo bo uso dos conductores e menos infraccións nas áreas de carga e descarga

Desde a posta en funcionamento da ZONA 2H, puxéronse en total sete multas por exceder o tempo máximo de estacionamento sen mover o coche a outra ZONA 2H. O informe da Policía sinala que “a inmensa maioría dos vehículos que utilizan a ZONA 2H a respetan. De feito, maioritariamente non acostuman a tardar máis dunha hora e media en desprazar o seu vehículo e deixar un oco a outro usuario”.

Por outra banda, apenas 15 días despois da implantación, afirman que “as zonas de carga e descarga melloraron o seu uso por parte dos turismos particulares, ao ter unhas zonas específicas para o estacionamento puntual”, reducindo as infraccións.

Os aparcadoiros públicos gratuitos, unha solución en pleno corazón da vila

Por outra banda, dentro do Proxecto MARES (Marín Estacionamento), están tamén incluídos todos os aparcadoiros públicos gratuitos que se habilitaron no casco urbano do Concello.

“Unha das bondades destas bolsas de aparcadoiro é precisamente que están no centro do municipio, polo que permiten que persoas que veñen traballar ou que precisan unha alternativa de estacionamento de longa duración, poidan tela no centro”, detallou o concelleiro.

De feito, está en formato descargable na web do Proxecto MARES, o Parking Minuto, no que localizar todos os aparcadoiros públicos, coas distancias a pé que hai desde cada un deles aos puntos máis frecuentados da vila.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.