Moción do BNG sobre a seguridade do porto de Malpica de Bergantiños

Miguel Ángel Varela Varela, voceiro do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Malpica de Bergantiños, ao abeiro do Regulamento Orgánico Municipal, presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate no próximo Pleno Ordinario:
Exposición de motivos:
A día de hoxe os problemas de seguridade céntranse na comporta de acceso: cando está aberta, a enerxía da ondada refléxase nos muros verticais, o que provoca correntes e remuíños no interior da dársena. A este problema hai que sumarlle a velocidade da auga dentro do canal, o que dificulta enormemente que calquera embarcación que transita por el poida realizar calquera tipo de manobra, e complica moito as operacións de entrada e saída da dársena, especialmente en condicións de mar adversa.
Nas actuais circunstancias, a entrada ou saída de embarcacións da dársena supón un perigo constante para a integridade non só das embarcacións, senón o que é moito peor, para a integridade física dos mariñeiros.
Así, a situación da dársena de Malpica tivo moito que ver no accidente mortal do Silvosa. O 20 de decembro do 2018 esta embarcación de artes menores, con base en Malpica, afundiuse cando se dispuña a cruzar a zona das comportas para saír a faenar, provocando a morte do seu patrón, José Ángel Sanjurjo Láuzara.
O informe da CIAIM, dependente do Ministerio de Transportes, á hora de analizar as causas do accidente centrou o foco nas comportas da dársena, onde se produciu o sinistro, e conclúe que as causas foron as condicións das ondadas e correntes xeradas no fondo do porto e no canal de acceso á dársena interior, que supoñían un risco para a navegación no canal.
Saír da dársena con mar é sempre complicado e perigoso, e neste caso provocou que o Silvosa quedase encallado e á mercé das ondadas, que o fixeron envorcar. Outra causa foi, como se reflexa nese informe, “a xeral falta de operatividade do porto, sobre todo en inverno”.
Se o problema coa dársena existía xa antes, o terrible e fatal accidente do Silvosa puxo de manifesto a necesidade de adoptar medidas urxentes, para que mortes coma as de José Ángel, non se volveran repetir.
Sería máis dun ano despois do accidente, en xaneiro de 2020, cando por Portos de Galiza se anuncia a posta en marcha dun sistema de previsión de correntes de onda longa na comporta da dársena: con esta medida poderíase “estimar”, con 72 horas de antelación, a velocidade da corrente que se producirá na comporta. É o sistema semáforo, que indicaría aos usuarios do porto cales serían as condicións de acceso á dársena interior do peirao:
- Verde: uso recomendado
- Amarelo: precaución
- Vermello: uso non
Outro ano despois dese anuncio, en febreiro de 2021, a presidenta de Portos de Galiza, Susana Lenguas, informaba na prensa que o proxecto de mellora da operatividade da dársena se atopaba en fase de licitación e que contaba cun orzamento de 100.000 €. Curiosamente, o grupo parlamentario do PP rexeitou unha emenda parcial do BNG aos orzamentos da Xunta para o 2021 dirixida a mellorar a seguridade no porto de Malpica, por importe de 200.000 €.
O 19 de outubro do 2021, nunha iniciativa presentada polo BNG no Parlamento Galego, acadouse a unanimidade de todos os grupos políticos na que se instaba a Xunta de Galiza “a executar a maior brevidade posíbel, as obras de mellora da seguridade da dársena de Malpica, e a comprometerse a incluír nos orzamentos do 2022 unha cantidade suficiente para a súa execución íntegra, ou no caso de realizarse por fases, incluír cantidade suficiente para execución dunha primeira fase.”
A pesares da unanimidade acadada, a Xunta de Galiza non inclúe ningunha partida nos orzamentos do 2022 para executar as obras de mellora da dársena do porto de Malpica, e rexeita unha emenda aos orzamentos presentada polo BNG para o “Proxecto Ampliación Dique Abrigo e Mellora da Seguranza Comportas Acceso Dársena de Malpica,” con un orzamento de 1.000.000 de euros.
En todo caso, a día de hoxe, nada sabemos dese proxecto de mellora: se está adxudicado xa, e se é así cales son as alternativas que se valoran.
A ninguén en Malpica se lle escapa que a alternativa, case a única, é a ampliación do dique de abrigo, obra coa que se resolverían os problemas de seguridade da dársena, facendo máis segura a entrada e saída da mesma e creando unha zona de fondeo recollida, incluso fóra da dársena, e que ademais permitiría aumentar a actividade portuaria de Malpica, co impulso que iso suporía para o pobo e a comarca: atraque de barcos grandes, posibilidade de que descargasen alí barcos de baixura que por loxística lles conviría, aumentar os servizos do porto…
Sabemos da complexidade desta obra polas especiais características deste porto, pero tamén sabemos da súa necesidade que, para a Xunta, máis que necesidade debería ser unha obriga, atendendo ao feito de que cada día as embarcacións que saen da dársena de Malpica para faenar arríscanse a un accidente e, as súas tripulacións, ven perigar a súa integridade física e, incluso, a súa vida.
Dende o BNG de Malpica apostamos por unha Galiza e unha Malpica en grande, por iso presentamos esta moción, que o que busca é un pronunciamento dos partidos con representación no Concello, para que a Xunta de Galiza aposte de xeito decidido e sen máis dilacións por acometer unha obra imprescindible para o futuro do noso pobo.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego somete a debate e aprobación polo Pleno esta moción, propondo a adopción dos seguintes ACORDOS:
- Instar a Xunta de Galiza a iniciar un proxecto para a ampliación do dique de abrigo do porto de
- Instar a Xunta de Galiza a executar na maior brevidade posíbel as obras de mellora da seguridade da dársena do porto de
- Dar traslado á Xunta de Galiza do acordado nos dous puntos
Foto. Vídeo Galicia Confidencial