Noa Díaz, fixo entrega, hoxe, na sede nacional do PSdeG, do número máximo de avais esixidos, 587

A candidata á Secretaría Provincial do PSdeG na Coruña, Noa Díaz, fixo entrega, hoxe, na sede nacional do PSdeG, do número máximo de avais esixidos, 587, para concorrer ás Eleccións Primarias do partido na provincia da Coruña.
“Estamos moi satisfeitas do apoio recibido polas compañeiras e compañeiros de toda a provincia nesta candidatura”, reivindicou a socialista, quen incidiu, en que se trata dun proxecto “que nace da militancia e para a militancia”.
“Ocupo cargos orgánicos e institucionais dende hai moi pouco tempo, pero levo neste partido dende os anos 90 e sempre fun, e así me considero, unha militante de base”, sentenciou Díaz.
A socialista, que sobrepasou amplamente o número máximo de avais que o PSOE permite presentar para formalizar unha candidatura aos órganos provinciais, incidiu na necesidade de “recuperar a voz da militancia” para reforzar o PSdeG na provincia e apostou por un proxecto “positivo e propositivo, con carácter integrador e aberto ás achegas que calquera militante queira facer”.
“PRETENDEMOS PÓR EN VALOR A VOZ DO PSdeG”
Ao fío disto, reivindicou unha campaña “con vontade conciliadora”, xa que “non son necesarias mensaxes broncas porque o que pretendemos é pór en valor a voz do PSdeG e que o partido saia reforzado deste proceso”.
Sobre a existencia de dúas candidaturas, Díaz reivindicou o proceso de primarias e asegurou que isto “evidencia que no partido hai debate e ganas de reflexionar”.
Con todo, destacou, “na nosa candidatura poñemos o foco en determinadas cuestións” diferentes ás da outra candidatura, como a necesidade de reforzar o papel da militancia e a súa significancia no partido e o apoio ás agrupacións locais máis pequenas.
O INCREMENTO DO NÚMERO DE AVAIS SOLICITADOS “NON É XUSTO”
Por último, Díaz criticou o incremento no número de avais solicitados para poder concorrer a unha candidatura cando agora é preciso dispor dun 12% de avais con respecto ao censo para poder presentar candidatura.
“Ao noso xuízo, este incremento non é xusto, xa que non permite a moitas compañeiras e compañeiros presentarse a este proceso orgánico”, concluíu.