O Ágora celebrará o seu décimo aniversario cun concerto

As entradas para asistir ao espectáculo ‘Cubalicia’, que terá lugar o vindeiro sábado 29 de xaneiro, xa están á venda

O Centro Sociocultural Ágora, inaugurado o 29 de xaneiro do 2012, cumpre este ano o seu décimo aniversario de actividade. E o recinto, xestionado a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) do Concello da Coruña, celebrará a década de funcionamento con varios actos e propostas que se levarán a cabo ao longo deste 2022.

Entre a programación prevista de cara a este 10º Aniversario do Centro Sociocultural Ágora destaca o concerto ‘Cubalicia’, previsto para o vindeiro 29 de xaneiro. O espectáculo, de Eduardo Coma, executarase en colaboración coa Orquesta Gaos, dirixida por Fernando Briones, e o Quinteto Cimarrón, unha formación musical que naceu en Galicia no ano 2008, coa coincidencia de cinco músicos cubanos cunha sólida formación clásica nas prestixiosas escolas de música da illa caribeña.

Será un concerto onde estarán presentes tres vertentes musicais moi marcadas: a sinfónica, cun traballo de interacción entre a Orquesta Gaos e o Quinteto Cimarrón, ofrecendo ao público a calidade da ensinanza clásica en Galicia e Cuba; o punto jazzístico que emana da experiencia do Quinteto Cimarrón con este tipo de xénero, no que a improvisación é primordial, no referente ao coñecemento armónico das pezas como no uso da técnica para enriquecer a composición; por outra banda, a parte tradicional do concerto chegará coa peza ‘Muiñeira-habanera do Blanco Amor’, coa mestura de de dúas pezas orixinarias de Galicia e Cuba, cantada por Irene Cerqueiro coa letra adaptada dun poema de Eduardo Blanco Amor.

As entradas para asistir ao concerto, cun prezo único de 5 euros, xa están dispoñibles e poden mercarse a través do portal web de Ataquilla.com. Por motivos de seguridade e prevención sanitaria, é obrigatorio levar máscara en todo momento e, á chegada ao Centro Sociocultural Ágora, presentar o certificado de vacinación contra a Covid-19.

Máis actos previstos: danza e un concerto para viaxar á historia do blues e o gospel

Ademais do concerto programado para o día 29 de xaneiro, o Concello da Coruña prevé comezar a programación de actos o día 27, cunha colaboración con varios centros educativos de necesidades especiais, situados na cidade, para poñer en marcha a sesión de interpretación e danza ‘Conto en movemento: Oz, unha historia ao alcance de todos’, dirixido por Yolanda Pérez.

O día 28 (18.30 horas) tamén está previsto que a Biblioteca do Ágora acolla o concerto ‘Black, en familia’, que abordará, de forma amena e con todo detalle, a viaxe e historia de nove estilos musicais entre os que están o blues, gospel, soul, o reggae e a bossa-nova. A asistencia ao evento deberá xestionarse a través das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Estas tres citas abrirán camiño a máis propostas, xa habituais no recinto municipal, que formarán parte da celebración deste décimo aniversario, con ciclos literarios e de poesía, así como o Programa de Lecer ou o programa Libros Vivintes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.