O Arquivo da Deputación pon en valor a labor social e feminista de Juana de Vega a través da Asociación de Señoras da Beneficencia e o Hospicio Provincial

Recupera o proceso de creación da entidade, o seu aloxamento no Hospicio Provincial, o regulamento desta e a acción social que leva a cabo coa fórmula da beneficencia en feminino

Nunha nova entrega do ‘Documento do mes’, o Arquivo da Deputación da Coruña pon en valor a labor social e feminista de Juana de Vega, canalizada a través da Asociación de Señoras da Beneficiencia e o Hospicio Provincial.

No documento, titulado ‘Beneficencia liberal en feminino: Juana de Vega, a Asociación de Señoras e o Hospicio Provincial’, recóllese o procedemento de creación da Asociación de Señoras da Beneficencia da Coruña, fundada no ano 1838 por Juana de Vega, para a que a beneficencia social era un deber cívico baseado no principio liberal na procura da felicidade.

A Asociación estaba formada por damas progresistas de familias vinculadas á burguesía comercial e a fidalguía aburguesada como Francisca Roldán, herdeira do conde de Taboada e viúva de Agar; Pilar Losada e Miranda, filla do conde de Maceda e esposa do conde de Priegue; Rosa Taboada e Mondragón, casada con Loriga, capitán xeneral de Galicia; Amalia da Rúa Figueroa, nai de Emilia Pardo Bazán; Antonia Suarez de Deza, filla do señor de Láncara, casada con Manuel Calderón e María del Carmen Mosquera e Ribeira, filla do marqués de Guimarey, esposa de José María Bermúdez de Castro, comandante da Milicia Urbana e presidente da Deputación da Coruña. Todas elas, cidadáns progresitas influentes, de formidable peso económico, político e social, achegan reputación e caudais á entidade. O seu embrionario feminismo aproveita a única saída viable ao espazo de participación cidadá, facendo da beneficencia en feminino unha fórmula de acción social.

No texto recollido no arquivo provincial destácase que a Asociación concentra a maior parte das atencións no Hospicio Provincial, creado pola Deputación da Coruña nunha complexa fusión de edificios en 12000 m2. O Hospicio Provincial, tamén coñecido como Casa da Misericordia, comunica o Hospital fundado por Teresa Herrera coa abandonada Fábrica de mantelerías de Monte Alto, adquirida por Juana de Vega e cedida posteriormente ao ente provincial xunto cuns terreos anexos. Na peza difundida polo Arquivo Provincial tamén se pode consultar o plano do Hospicio e o regulamento da Asociación, que foi aprobado o 26 de xuño de 1855.

A través desta nova entrega do ‘Documento do mes’, o ente provincial continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo Provincial, de importante valor como parte do patrimonio cultural galego, fonte de información e memoria  das sociedades pasadas. As publicacións están comentadas pola historiadora e directora do Arquivo Provincial, Carmen Molina.

Ligazón ao ‘Documento do mes’ de xaneiro do Arquivo da Deputación da Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.