O BNG da Coruña leva ao Pleno “a falta de fiabilidade do Goberno local á hora de cumprir os acordos”

“A alcaldesa fai bandeira da capacidade deste Goberno Municipal de chegar a acordos. Mais de nada vale chegar a acordos se logo non se cumpren”, di Jorquera

O Goberno Local non é fiábel á hora de cumprir acordos coa oposición nin cando se trata de honrar os seus compromisos. Así o considera o BNG e esta é a razón que anima a Francisco Jorquera a formular unha pregunta oral ao respecto no Pleno do próximo xoves, con este enunciado: “Considera o Goberno Local que é fiábel á hora de asinar acordos?”.

“Formulamos esta pregunta”, explica o voceiro nacionalista, “porque a alcaldesa fai bandeira da capacidade deste Goberno Municipal de chegar a acordos. Mais de nada vale chegar a acordos se logo non se cumpren. De nada vale se un goberno que se gaba de pactos á coruñesa converte o contido deses pactos en papel mollado”.

Hai unha manchea de incumprimentos, a comezar porque por segundo ano consecutivo o Goberno Local falta á súa palabra e deixa sen efecto o acordo de investidura asinado co BNG a respecto da negociación dos orzamentos.

O acordado era que a negociación comezaría en setembro para ter os orzamentos vixentes a comezos de xaneiro. En 2020 incumpriron o acordo ao prorrogar as contas e en 2021 aínda non presentaron o proxecto orzamentario.

Outros incumprimentos? Pois os que se refiren a acordos co BNG en relación á creación do Consello Económico e Social e o Consello Municipal da Cultura, ao inicio de accións legais contra os Franco para recuperar a Casa Cornide, á creación dunha bolsa de baixos baleiros e doutra de vivendas en aluguer, á negociación coa Sareb para obter a cesión das súas vivendas cara a as incorporar á devandita bolsa de moradas en aluguer ou á mellora do servizo de autobuses.

E aínda hai máis: comprometéronse a presentar en setembro pasado un anteproxecto de lei da Área Metropolitana e non o fixeron.

“O Goberno Local está a demostrar que non cumpre os acordos. Non é un goberno fiábel”, conclúe Jorquera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.