O BNG de Oleiros apoia nas súas reivindicacións a ANPA do IES María Casares

A deputada nacionalista Mercedes Queixas trasladará ao Parlamento de Galicia a demanda da comunidade educativa de dotar o IES de máis especialistas de PT, reivindicación compartida polo CEIP Valle Inclán de Perillo 

O BNG de Oleiros anima a toda a veciñanza a apoiar a mobilización convocada pola ANPA Os Pazos do IES María Casares para este luns á tarde no exterior do recinto escolar para demandar da Consellaría de Educación o reforzo do profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica, o coñecido no ámbito educativo como PT.

Como a ANPA Os Pazos recorda na súa convocatoria, unha única especialista de PT a tempo completo atende no presente curso escolar o alumnado do IES, de case 600 estudantes, dos cales 34 precisan dunha atención educativa específica. A Consellaría de Educación non respondeu no que vai de curso as solicitudes escritas presentadas pola ANPA, mais unha vez coñecida a convocatoria de mobilización vén de ofrecer como única alternativa que o profesorado con horas libres complemente o traballo da PT, en lugar de dotar o centro de máis recursos.

A deputada do BNG Mercedes Queixas participará na concentración convocada para as 18.10 horas xunto a representantes do BNG local e trasladará ao Parlamento de Galiza as demandas formuladas pola ANPA do María Casares.

A mesma reivindicación -reforzar as prazas de PT e, no seu caso, tamén de Audición e Linguaxe, para asegurar unha digna atención ao alumnado que precisa de atención educativa específica -mantén tamén desde o inicio deste curso a ANPA do CEIP Valle Inclán de Perillo, desenvolvendo desde entón todo tipo de iniciativas reivindicativas, a máis recente delas o envío de cartas aos Reis Magos redactadas polo alumnado do propio colexio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.