O BNG insta a non destinar ningunha partida dos Orzamentos 2022 a mercar os peiraos de Calvo Sotelo e Batería

“Son terreos públicos e, unha vez liberados de usos portuarios, non ten ningún sentido destinar diñeiro público á súa adquisición”. Esa posición do BNG sobre os peiraos do Calvo Sotelo e Batería vaise levar ao Pleno do vindeiro xoves 13X en forma dunha moción que será defendida polo voceiro Francisco Jorquera

A iniciativa insta o Goberno Local a que non inclúa ningunha partida destinada á adquisición dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería nos orzamentos do Concello para 2022. “Orzamentos dos que, polo demais, continuamos sen ter noticias”, como denunciou Jorquera no Pleno extraordinario do pasado 30 de decembro.

O Goberno Local comprometeuse a destinar 15 millóns de euros das arcas do Concello a mercar Batería e Calvo Sotelo, nunha operación que se insire nunha lóxica, a de amortizar así a débeda contraída pola Autoridade Portuaria coruñesa pola construción da dársena exterior de Punta Langosteira, que o BNG non comparte en absoluto.

“A débeda debe ser condonada como foi a de Valencia e pagar agora por Batería e Calvo Sotelo é tanto como renunciar a liquidación do débito”, considera Jorquera.

É por isto que o grupo municipal do BNG propón que eses 15 millóns se destinen “a atender outras necesidades da cidade” e, en particular, a “incrementar a dotación para o desenvolvemento dun Plan de rexeneración e revitalización dos barrios”.

Esta proposta fai parte do catálogo de ideas que o BNG trasladou ao Goberno Local para a súa incorporación aos orzamentos 2022, sen que polo de agora teña habido resposta por parte do Executivo coruñés, silencio que animou a formación nacionalista a levar esta cuestión ao Pleno a través desta moción.

O BNG insta tamén o Goberno Local a que impulse a constitución dun consorcio, coa participación das distintas administracións e entes implicados, para acometer a transformación dos terreos do porto interior, mantendo sempre a súa titularidade pública.

Igualmente, a formación nacionalista empraza o Executivo coruñés a que esixa a condonación da débeda do porto e ínstao a que artelle fórmulas directas de participación da cidadanía na definición da futura fachada marítima da Coruña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.